Necropolis
Capilla y necrópolis de San Victor de Barxacova
Parada de Sil · Ourense

A capela e necrópole de San Vítor de Barxacova é un conxunto arqueolóxico situado no concello de Parada de Sil, formado polos restos dunha capela medieval e unha necrópole con tumbas antropomorfas escavada en pedra.
Situación
O enclave está no val do río Mao, preto da desembocadura do río Sil, na parroquia de San Lourenzo de Barxacova. Xusto na beira oposta hai outro penedo chamado a Pena do Castelo, xa no concello da Teixeira.
Historia
Foi un lugar de paso desde tempo atrás. Preto do camiño que vai cara á ponte románica de Canceliñas foi atopada a espada de Forcas (Idade de Bronce), e no propio recinto atopáronse restos de tellas romanas. Barállase a teoría de que tivese a súa orixe como lugar de observación do paso do río Mao, xunto co penedo da Pena do Castelo. A capela e a necrópole pertenceron ao couto do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Á súa vez, até o século XII pertenceu ao mosteiro de San Lourenzo de Barxacova, que nese momento pasou a ser bailía da encomenda de Quiroga, pertencente á Orde de San Xoán de Xerusalén. Non se sabe en que momento se abandonou. Segundo a tradición oral, as pedras das paredes da capela estaban erguidas até o século XIX. A comezos do século XX construíuse sobre o penedo unha base de cemento para unha torre eléctrica, xa retirada.
Arquitectura
A capela erguíase sobre o penedo, do que se foron desprendendo co tempo varias rochas. Accedíase a través duns chanzos por un corredor. A construción debía ter uns 12 m², e presúmese que había un miradoiro sobre a propia necrópole. As tumbas adoitan estar coa cabeza orientada cara ao oeste, con pequenas variacións para adaptarse á orografía do terreo. Hai un gran conxunto de tumbas aliñadas ao oeste da capela, do outro lado do camiño. Consérvanse algunhas das lousas que cubrían as tumbas, posiblemente reutilizadas duns enterramentos para outros. No lado sur da propia capela había tres tumbas máis: unha delas inconclusa, e outra non escavada, senón feita con pedra tallada.
Escavacións
A primeira campaña comezou no 2010, dirixida por Eduardo Breogán Nieto Muñiz, coa limpeza da contorna e a realización de varias sondaxes na explanada. As escavacións proseguen no verán de 2011.
Vestixios
Atopáronse moitas pezas de cerámica de cociña, un conrado de Sancho IV de León, un real de billón de Henrique II de Castela, e un ceitil de Afonso V de Portugal. Nunha das tumbas da capela apareceu un anaco de tibia humana.
Tradición
Até os comezos da escavación en 2010 só se vían 3 tumbas e os restos da capela, polo que se pensou que era un cenobio eremita. Porén, a aparición de moitas pezas de cerámica de cociña, e a súa situación nun camiño de paso, desbotan esa teoría, dando a entender que había un asentamento estable. Segundo a tradición oral, no lugar enterrábanse os mortos da parroquia de San Lourenzo de Barxacova, de Forcas, e os do lugar de Ivil, na parroquia de Pradomao. Segundo a tradición, a imaxe de san Vítor foi levada por unha nobre á súa casa das Quintas, na parroquia de Chandrexa, vivenda restaurada que aínda conserva unha capela privada.
Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗
Chegar en bus
- Barxacovaa 818 mParada de Sil-Cristosende (núcleo) · Parada de Sil-Cristosende (núcleo)
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.
Nearby
- Edrada-Mao River ReservoirLake
- Igrexa de Santa Tegra de AbeledaChurch building
- Igrexa de Santa María de CristosendeChurch building
- Igrexa de Santa Mariña de MontoedoChurch building
- Igrexa de Santa María de ChandrexaChurch building
- Igrexa de San Martiño de SacardeboisChurch building
- Casa Grande de CristosendePazo
- Miradoiro de AmandiScenic viewpoint