Castle
Fortress of San Paio
Friol · Lugo
.jpg?width=640)
A fortaleza de San Paio de Narla, coñecida tamén como torre de Xiá, é unha fortaleza medieval hoxe en día convertida en museo. Sitúase no lugar da Castronela, na parroquia de Xiá, no concello de Friol, na provincia de Lugo.
Historia
Construída nos séculos XII ou XIII foi soar e casa forte da familia dos Vasco de Seixas, pese a que as súas orixes son máis remotas. Como indica o nome do lugar e evidencia a disposición do terreo, existía xa no lugar un castro na Idade de Ferro. Os primeiros documentos que fan referencia á fortaleza son do século XIV, no ano 1350 era citada como "rocha de Narrela" e un século máis tarde sufriu os ataques dos irmandiños, do que se ten constancia por documentos nos que Vasco de Seixas ordena realizar os traballos de reconstrución. No século XVIII pasou a mans dos Campomanes, que a habitaron e reformaron nos dous séculos seguintes. A finais do século XIX, os Campomanes vendéronlla á familia Novo. Esta, pola súa volta, vendeulla por 5 000 pesetas[Cómpre referencia] a un novo propietario que pretendía derrubala para reutilizar a pedra. Por iniciativa do director do Museo Provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, a Deputación de Lugo adquiriuna en setembro de 1939 polo dobre dese prezo. Permaneceu varias décadas sen uso ningún até que, en 1983, o arqueólogo Felipe Arias Vilas converteuna na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo, creando o Museo Etnográfico e Histórico de San Paio de Narla.
Descrición
O edificio está composto por tres corpos e unha capela exterior de planta cadrada e cuberta a dúas augas que garda un retablo do século XIX cunha talla popular de San Paio. A fachada do castelo mide 37 metros e no seu corpo central une a torre da homenaxe cun torreón. No interior destaca o patio e no exterior a torre da homenaxe, esta mide 9 por 11 metros e reforzada por pequenos contrafortes distribúese en tres plantas e un soto usado como cárcere. Na segunda planta destaca un van con parladoiro, e na terceira unha espléndida cheminea renacentista do século XVI apoiada por columnas decoradas con formas xeométricas nas bases, e no centro do entaboamento dous leóns enfrontados coas fauces abertas amosando grandes linguas e separados por unha flor de lis de catro follas. No costado unha man búrlase dun dragón que sae dunha roseta. O corpo central do castelo consta de dúas cruxías paralelas e unha terceira perpendicular. nunha das primeiras disponse un patio interior de planta rectangular e con arcos xeminados de medio punto nos laterais. A planta superior accédese por unha escaleira de granito, ou ben atravesando unha cociña cunha boa lareira. O salón, o corredor e as habitacións tamén se atopan decoradas o estilo dos séculos XVII e XVIII. As vellas cabalerizas conservan comedeiro e na bodega diversos apeiros de artesanía téxtil. Os elementos construtivos pertencen a diferentes épocas, desde o século XVI até o XIX, aínda que se reaproveitaron constantemente os materiais medievais.
A lenda de Catalina de Santirso
Existe unha lenda relacionada cunha das ocupantes da fortaleza, dona Catalina de Santirso, esposa do señor da casa Vasco das Seixas (1520-1543) coñecido como o Señor das Torres, home despótico e colérico. Esta muller era tan virtuosa e honesta como fermosa e o seu marido tan namorado como celoso, sendo moi querida polos seus súbditos xa que auxiliaba os pobres e trataba de evitar que a ira do seu marido caese sobre os seus servos. Este desconfiou da súa fidelidade e bondade, tratou infrutuosamente de envelenala polo que un día de Santos matouna de nove puñadas no peito nun arrebato de loucura.…
Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗
Getting there
Opening hours Tu-Fr 11:00-14:00,16:00-18:00 · Sa,Su 12:00-14:00,16:00-18:00
Phone +34 982375156
Nearby
- Torre FriolCastle
- Museo Etnográfico e Histórico de San Paio de NarlaMuseum
- Igrexa de San Xiao de CarballoChurch building
- Igrexa de San Martiño de PradoChurch building
- Igrexa de Santa María de RamelleChurch building
- Igrexa de San Cibrao da PregaciónChurch building
- Igrexa de San Martiño de CondesChurch building
- Igrexa de Santa María de XiáChurch building