Church building
Church of San Pedro de Ansemil
Silleda · Pontevedra

San Pedro de Ansemil é a igrexa parroquial de Ansemil, no concello de Silleda. Conforma o conxunto unha igrexa románica de planta basilical con tres naves e tres ábsidas, á que se lle uniu unha capela gótica que serviu para soterrar os cadaleitos da familia dos condes de Deza. == Historia == É todo o que se conserva dun mosteiro medieval de monxas bieitas de bastante importancia na comarca, e veciño do Mosteiro de Carboeiro. As orixes do mosteiro suponse que se remontan ao mandato do bispo Sisnando, sendo nos seus inicios un mosteiro dúplice. Segundo Antonio López Ferreiro a súa orixe remontaríase ao século IX ou X.. O mesmo autor afirma que no século XII desapareceu a comunidade feminina, pero o mosteiro non deixou de citarse en diversos documentos, polo que considérase que continuou funcionando unha comunidade relixiosa pero quizais masculina en substitución da feminina. A comunidade feminina volveríase a integrar no século XIII ou principios do XIV. No século XVI, con motivo da reforma das comunidades monásticas que iniciaran os Reis Católicos a comunidade uniuse a San Paio de Antealtares. Interpreta Bango Torviso que o templo ata o primeiro terzo do século XII debeu corresponderse "cunha primitiva estrutura basilical asturiana". Nese momento faríanse restauracións do primitivo edificio, principalmente na capela central e na fachada occidental ou principal. Cando a finais do século XIII ou principios do XIV volve a ser ocupada por unha comunidade feminina constrúese a capela funeraria dos Deza e a porta setentrional, así como o capitel con cabeza de asno e faciana humana da capela central. Considera este autor que esta igrexa como moitas outras do románico galego presenta a persistencia de moitas das formas da arte asturiana. == Descrición == Na actualidade consérvanse dúas construcións: unha igrexa románica e acaroada ao seu muro sur unha capela gótica. A primeira foi o resultado da reforma dunha construción anterior prerrománica, e debeu rematarse arredor do ano 1171. No decorativo destacan os seus capiteis e sobre todo os canzorros exteriores caracterizados por unha gran variedade morfolóxica e plasticidade. === Interior === A igrexa é de planta basilical de tres naves separadas por intercolumnios de arcos semicirculares peraltados e unha ábsida rectangular con dúas capelas engadidas. Cóbrese con tellado de madeira e as naves divídense en tramos por piares de sección cuadrangular no centro e acaroados no do testeiro e en columna no muro occidental. Os piares son encapitelados por unha moldura de tenia e chaflán recto uns e outros en nacela. As basas cunha moldura en chaflán recto, e unha delas presenta unhas piñas. O interior do templo está encalado na súa case totalidade. No muro occidental sobre a moderna ventá unha cabeza de carneiro reaproveitada polos construtores da reforma da fachada no século vinte. Nos laterais do mesmo muro as dúas seteiras ábrense con derramo interior en arco de medio punto. O muro meridional presenta unha seteira a medio tapiar e un grande arco apuntado que comunica coa capela funeraria. As naves cóbrense de madeira, plana na central e a unha vertente nas laterais. ==== As ábsidas ==== A ábsida lateral meridional ábrese cun arco triunfal de medio punto peraltado e dobrado apoiado sobre pilastras a modo de xambas. No interior cóbrese con bóveda de canón. A ábsida lateral setentrional aparece pechada por un murete cunha porta no centro. A bóveda desta ábsida arrinca apoiada nunha imposta a maior altura ca do arco triunfal. A ábsida central presenta un arco semicircular peraltado e dobrado sobre o que se atopa unha seteira con derramo interior. Cóbrese con bóveda de canón enlucida que descansa sobre o arco triunfal e un arco toral que descansan en columnas entregas. Os capiteis do arco triunfal presenta motivos vexetais, dous tipos de grandes follas rematadas en espiral. Os fustes confórmanse por dous tambores de tamaño desigual. As basas son áticas co plinto redondeado e unha cabecina de lobo invertida no centro da escota e aos lados dúas pomas.…
Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗
Chegar en bus
- Ansemila 153 mIES Pintor Colmeiro-O Ribeirao · CEIP de Silleda-O Ribeirao · A Chaira-IES Pintor Colmeneiro-CEIP Silleda · IES Pintor Colmeiro-O Ribeirao · CEIP de Silleda-O Ribeirao
- Martixea 574 mIES Pintor Colmeiro-O Ribeirao · CEIP de Silleda-O Ribeirao · A Chaira-IES Pintor Colmeneiro-CEIP Silleda · IES Pintor Colmeiro-O Ribeirao · CEIP de Silleda-O Ribeirao
- A Penaa 703 mIES Pintor Colmeiro-O Ribeirao · CEIP de Silleda-O Ribeirao · A Chaira-IES Pintor Colmeneiro-CEIP Silleda · IES Pintor Colmeiro-O Ribeirao · CEIP de Silleda-O Ribeirao
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.