Fountain

Monument to Curros Enríquez

A Coruña · 1934

Monument to Curros Enríquez

O Monumento a Curros Enríquez é unha obra realizada polo escultor galego Francisco Asorey e situada nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Foi inaugurada en 1934 como homenaxe a Manuel Curros Enríquez, que falecera en 1908.

Descrición

O monumento está formado por grandes bloques de pedra semellantes a dolmens ou aras celtas. A base está rodeada de auga e entre as gretas sitúanse plantas autoctónas galegas xunto con representacións de monstros. No centro, hai unha figura de Curros Enríquez de 3,30 m de altura, cunha lira nas mans. A cada lado da escultura hai senllas representacións da vida no campo galego, dun lado figuras que representan os labregos, xunto cun boi, e doutro unhas mulleres que representan a agricultura, xunto cun cabalo. Na parte superior, unha muller espida cos brazos ergueitos representa a apoteose de Galicia. Na parte traseira hai unha furna que se preparou para incluír unha imaxe da Virxe do Cristal que non se chegou a colocar. Tamén se pensou en levar os restos do escritor desde o cemiterio de Santo Amaro, mais o concello no concedeu o permiso.

Historia

Pouco despois do falecemento de Curros Enríquez xa se pensou na construción dun monumento na cidade da Coruña, pois o mesmo 1908 se creou unha comisión presidida polo alcalde Antonio Lens coa participación da Real Academia Galega e a Real Academia de Belas Artes para recadar fondos. Porén, ao non conseguir o obxectivo, a idea foi desbotada. Finalmente, en 1921, a Real Academia Galega establece que os cartos recadados se dediquen a un monumento que se colocaría na praza de Ourense e ábrese un concurso para artistas de toda España. En abril de 1922 o concello da Coruña indica que o monumento será de granito e se colocará nos Xardíns de Méndez Núñez. Chegouse a poñer a primeira pedra o 22 de xullo de 1923, mais o pasamento do presidente da Academia, Andrés Martínez Salazar, volve parar a obra. O 7 de marzo de 1927, a xunta de goberno da Academia, presidida por Eladio Rodríguez González convocou un concurso para o deseño do monumento que quedou deserto. Nun segundo concurso, que tivo como xurado o Marqués de Figueroa, Sotomayor, Palacios, Lloréns e Rodríguez González, concedéuselle o primeiro premio a Asorey. Despois de varios problemas máis co orzamento e novas recadacións, o monumento foi inaugurado o 11 de agosto de 1934 polo presidente da república Niceto Alcalá-Zamora, acompañado polo alcalde Suárez Ferrín e o presidente da Academia Lugrís Freire.

Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗

See on the mapRead on WikipediaDirections

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Nearby