Monastery
Sobrado Abbey
Sobrado · A Coruña · 1101
.jpg?width=640)
O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes é un mosteiro cisterciense situado no concello de Sobrado, na comarca da Terra de Melide. Dende mediados do século XX está ocupado por monxes trapistas.
Historia
Posibelmente fundado no ano 951 nun primeiro momento (aparece citado en documentos de finais do século X co nome de "San Salvador"), A principios do século XII o mosteiro está abandonado. Fundouse de novo no ano 1142, cando San Bernaldo envía desde Claraval (Francia), de onde é abade, unha comunidade de monxes chamados por Fernán Pérez de Traba e a súa sobriña dona Urraca Vermúdez. O 14 de febreiro de 1142 comezou en Santa María de Sobrado a vida monástica cisterciense. Durante o resto do século XII e o século XIII o mosteiro desenvolveu unha grande actividade espiritual e económica. Desta fábrica consérvanse a capela funeraria da Magdalena, a sala capitular e algunhas partes soltas. Coñeceu despois unha etapa de decadencia que se detén no ano 1498, ao incorporarse a Congregación de Castela. O mosteiro recuperou parte da súa grandeza; a maioría dos edificios conservados comezaron a construírse a partir desta nova época. A monumental igrexa foi rematada a finais do século XVII e consagrouse en 1708. No XVIII construíron o altar maior os escultores Xosé Gambino e Xosé Ferreiro. Santa María de Sobrado sufriu unha nova etapa de decadencia que culminou o 21 de setembro de 1834, cando coa desamortización o mosteiro quedou suprimido por real orde. O mosteiro de Santa María de Sobrado, os seus edificios e posesións foron vendidos. Iniciouse unha deterioración progresiva dos edificios, que acabaron converténdose en ruínas. En xullo de 1836, no marco da primeira guerra carlista, o xeneral Miguel Gómez Damas puxo cerco a un grupo de militares que se refuxiaron no mosteiro. Logo de cinco días de sitio proseguiu o seu camiño cara a Santiago de Compostela pola proximidade das tropas de Baldomero Espartero.. No ano 1954, por encargo do cardeal Quiroga Palacios, arcebispo de Santiago, o mosteiro cisterciense de Viaceli, situado en Cóbreces (Cantabria) comezou a tarefa de reconstrución de Sobrado; e no mes de xullo de 1966 envía unha comunidade de monxes. Así, o 25 de xullo de 1966, comeza de novo a vida monástica no Mosteiro cos trapistas. En 2021, residían no mosteiro uns quince monxes. Entre o repertorio de produtos elaborados destaca o doce de leite. Pasou a formar parte do Patrimonio Mundial en 2015. No ano 2016 conformouse unha Fraternidade de Laicos Cistercienses entre persoas leigas que participaban en diferentes actividades espirituais do mosteiro de Santa María de Sobrado. Este grupo participa en convivencias, reunións de formación e retiros espirituais canda a comunidade monástica.
Arquitectura
Facendo arco de entrada ao recinto do mosteiro está a Casa das Audiencias, chamada así por ser o lugar onde o abade do mosteiro exercía a súa xurisdición sobre os seus súbditos. A igrexa monacal, acaroada ao edificio principal e con entrada perpendicular á do mosteiro, é de estilo cistercience e con fachada barroca. O edificio principal distribúese en tres claustros: Claustro dos Peregrinos: o de entrada, onde se acollen as persoas en peregrinación. Claustro dos Medallóns: así chamado polos relevos colocados na parte superior. Neste momento acolle a hospedería. Claustro da Comunidade: o meirande de todos, reservado para a vida e actividade da comunidade de monxes.
Galería de imaxes
Outros artigos
Camiño do Norte Mosteiros e conventos de Galicia
Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗
Chegar en bus
- Sobradoa 230 mBoimorto-Sobrado · Sobrado-Santiago E.I.
- Sobradoa 236 mBetanzos (institutos)-Montesalgueiro-Sobrado · Betanzos (institutos)-A Torre Lavandeira-Sobrado · Betanzos (institutos)-A Torre Lavandeira-Sobrado · Betanzos (institutos)-Montesalgueiro-Sobrado
- Sobradoa 242 mBoimorto-Sobrado · Sobrado-Santiago E.I.
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.