Defensive wall

Wall of Corunna

A Coruña

Wall of Corunna

A muralla da Coruña é un conxunto de fortificacións que se construíron na Coruña entre os séculos XIV e XVIII. Foron declaradas Ben de Interese Cultural en 1949. == Historia == A orixe das murallas da Coruña é a repoboación ordenada por Afonso IX en 1208. Nos anos 1370 e 1386 a cidade foi atacada polos portugueses e os ingleses e as murallas tiveron que ser reparadas en 1397. Esta segunda muralla permaneceu inalterada ata o ataque de Drake en 1589 decidiuse construír o castelo de Santo Antón e arranxar as murallas. Construíuse o novo baluarte do Santo Espírito (sobre o que se levantou o Hospital Real entre 1608 e 1612) e derrubouse parte da antiga muralla. En 1625 comezou a construción da Fronte de Terra, no barrio da Pescadería segundo o proxecto de Tiburcio Spanochi, formado por cinco baluartes. Este proxecto non se completaría por falta de fondos. O 3 de abril de 1658 estoupou a polvoreira da Fortaleza Vella, matando máis de duascentas persoas e destruíndo ademais outros edificios próximos, coma o Convento de San Francisco e o Hospital do Bo Suceso. A fortaleza non se reconstruíu e sobre os restos da polvoreira creouse o Xardín de San Carlos. A principios do século XVIII iniciouse unha fase de mellora e ampliación das murallas seguindo a idea de B. Renau, dándoselle a esta área o nome de Fronte da Pescadería. O director do novo Corpo de Enxeñeiros Francisco Montaigú iniciou as obras entre 1721 e 1731 dun proxecto máis simplificado. O seu sucesor, La Ferriere, continuou o proxecto modificado, que foi completado en 1746 cando se temía un novo ataque inglés. Sete anos despois Francisco Llovet proxectou por primeira vez a enchedura da praia do Parrote para a construción de estruturas militares, mais non se levou a cabo ata o século XX. Os proxectos de amurallamento continuaron ata 1776-1779 coa muralla da Dársena que non se rematou. En 1840 a raíña Isabel II autorizou o derrubamento da Fronte da Pescadería, que separaba a Cidade Vella da Pescadería. Este proceso durou dúas décadas. Sobre os restos da antiga muralla levantouse a praza de María Pita. En 1869 comezou o derrubamento da Fronte de Terra, facilitando a unión do Cantón Pequeno e Garás e o deseño do Primeiro Ensanche. == Descrición == Consérvanse varios tramos da muralla: O tramo que serve de base ao Xardín de San Carlos é o máis antigo e foi levantado no século XIV. Formaba parte da chamada Fortaleza Vella e nela instalouse en 1954 a porta do antigo Hospital de San Andrés. Tamén é da mesma época unha parte da muralla do xardín do Palacio de Capitanía. Dende a Capitanía Xeneral existe un lenzo no que se abren as Portas do Parrote e do Cravo. Estas portas foron mandadas abrir polo Capitán Xeneral Pedro Pablo Jiménez de Urrea, conde de Aranda en 1676. A porta do Parrote está decorada co escudo real e mais coas armas do Conde de Aranda. Nela aparecen as datas de construción e reforma (1749) e unha cruz que a remata é dun calvario construído polos monxes franciscanos. Famosos personaxes coma Carlos I e Filipe II atravesaron a Porta do Parrote[Cómpre referencia]. O último tramo rodea o Hospital Abente y Lago. Nel ábrese a porta de San Miguel (1607), que foi levantada no lugar que ocupou outra porta anterior do século XIV. Está decorada cos escudos do Reino de Galicia, o escudo real e o de don Diego das Mariñas. Existen outros tramos na "Maestranza de Artillería", no Campo da Estrada e nos Pelamios. Da Fronte de Terra consérvase o baluarte do Caramanchón, coiraza que separa as praias do Orzán e de Riazor. == Outras estruturas defensivas == No Inventario de Monumentos de Arquitectura Militar de 1968 recóllense na Coruña, ademais das murallas, o castelo de Santo Antón (cárcere militar), o castelo de Santo Amaro, o castelo de San Diego e a batería de Durmideiras. Porén, ningún dos tres últimos se conserva: O castelo de Santo Amaro, posiblemente construído despois do ataque de Drake, estaba en ruínas xa no século XVIII; sobre os restos construíuse o "Club del Mar de San Amaro". A batería de Durmideiras, formada por oito canóns e dependencias para a tropa foi destruída pola canteira que se explotou para construír o dique de abrigo (1948).…

Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗

See on the mapRead on WikipediaDirections

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Nearby