Lago

Lago Meirama

Cerceda · A Coruña

O lago das Encrobas, ou lago de Meirama é un encoro situado no val das Encrobas, no concello de Cerceda. No seu interior alberga unha antiga mina de lignito, carbón mineral que abasteceu á central térmica de Meirama. == Antecedentes == En 1976 Fenosa iniciou a construción da central térmica de Meirama, no concello de Cerceda. O proxecto implicou a expropiación das leiras de centos de campesiños para permitir a apertura da mina de lignito nas Encrobas, que alimentaría a central. A mina explotou o lignito deste fértil val desde 1980, extraendo 94 millóns de toneladas. Esa intensa actividade «que contribuíu á riqueza da rexión pero que tamén comportou inconvenientes propios dunha mina», como dixo un exmineiro, orixinou un gran oco de 300 m de profundidade. En 1985 a compañía explotadora (Unión Fenosa) lanzou o primeiro proxecto de rehabilitación medioambiental. «Unha mina ten que ser sustentábel e pode selo como o demostra esta paisaxe, pero para iso fai falta unha actuación planificada desde o primeiro momento», explicou Roberto González, subdirector de Operacións de Recursos Naturais de Gas Natural Fenosa. Noutras palabras: en paralelo á explotación da mina comezouse a traballar na súa futura restauración. Así, mentres as máquinas extraían o lignito, planificábase a reconversión ambiental das zonas exteriores onde se almacenaban os refugallos, é dicir, as zonas onde se depositaban a terra e as cinzas. As árbores que rodean o lago das Encrobas, con vinte anos de vida, constatan como natureza e industria creceron xuntas desde o principio no val das Encrobas. No ano 2007 a mina cesou a explotación tras esgotárense as reservas do mineral. == Datos == O lago mide 2,2 km de longo, 1 km de largo, e ten unha profundidade máxima de 205 m. O volume de auga é de 148 hm³. A súa superficie é de 171 ha de lámina de auga e ten unha beira-praia de 400 m. As áreas rehabilitadas (que inclúen a aldea de Santo André) suman 730 ha. A rehabilitación custou 60 millóns de euros. == Contorno natural == O lago das Encrobas é un enorme ecosistema de algo máis de mil hectáreas rodeadas do verde das aproximadamente 800 000 árbores que hai ao seu redor (medio millón foron plantadas nos últimos anos): bosques de carballos, castiñeiros, ameneiros, salgueiros... que se reproducen polos seus extremos. Están catalogadas actualmente 862 especies de animais e vexetais, segundo o estudo da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela. Hai xabarís, aves rapaces, lebres... Tamén hai lobos, raposos, coellos, troitas de gran tamaño, aves migratorias cando é a súa época, e gaivotas. === Corredor ecolóxico do río Barcés === A Reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Universidade da Coruña colaboran nun estudo financiado pola Cátedra de Desenvolvemento Sostíbel Hijos de Rivera-UDC, que ten como obxectivo que o río Barcés e o seu bosque de ribeira funcionen como un corredor ecolóxico que conecte o encoro de Abegondo - Cecebre co lago das Encrobas, contribuíndo á calidade da auga que se consuma na área da Coruña. Neste traballo, dirixido polos doutores da UDC María José Servia e Jaima Fagúndez, propóñense medidas de mellora do bosque, incluíndo a restauración pasiva por rexeneración natural nas áreas cun nivel medio de degradación, e medidas de reforestación nas áreas moi degradadas. No traballo avalíase o estado ecolóxico do bosque de riberia do Barcés sobre a base de que existe unha relación directa entre o estado do bosque e o do medio fluvial, a calidade da auga e as comunidades faunísticas, empregando o concepto «o bosque como indicador da saúde do río», establecendo indicadores específicos, así como unha clasificación dos impactos sobre o ecosistema do bosque, definindo medidas para a súa conservación. Os autores, ademais, indican que «a colaboración cos propietarios, a educación e a implicación da sociedade serán indispensábeis nas seguintes fases do proxecto». == Notas ==

Texto de Wikipedia en gallego, con licencia CC BY-SA. Ver el artículo completo ↗

Ver en el mapaLeer en WikipediaCómo llegar

Al lado de este lugar