Monasterio

Monasterio de San Salvador de Villanueva (Lorenzana)

Lourenzá · Lugo

Monasterio de San Salvador de Villanueva (Lorenzana)

O mosteiro de San Salvador de Lourenzá é un mosteiro de orixe medieval situado en Lourenzá, no val do río Masma, a poucos quilómetros de Mondoñedo. Considérase fundador do mosteiro o conde Osorio Gutiérrez, que o ampliou, protexeu e actuou como mecenas, sobre un pequeno cenobio apenas sen vida. O complexo arquitectónico foi mudando a través dos séculos e as modas construtivas, de modo que o edificio actual data do século XVII, en estilo barroco. En 1974 o conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural. Acolle a casa consistorial de Lourenzá.

Historia

Osorio Gutiérrez, alcumado o Conde Santo, era membro da nobreza altomedieval e recibiu herdanzas do seu pai, Gutierre Osóriz, e do seu tío, Nuno Osóriz, que tiñan amplas posesións na rexión. O 17 de xuño de 969 firmouse a carta de fundación, e o mosteiro adscribiuse á orde de San Bieito. Cando o conde enviuvou ingresou na comunidade de monxes, e xa con idade avanzada viaxou como peregrino a Terra Santa, de onde trouxo o seu propio sartego. Morreu ao pouco do seu regreso, e foi soterrado neste lugar. Trala Desamortización de Mendizábal en 1835 o mosteiro foi deshabitado e a biblioteca foi desmantelada. En 1878 o claustro maior sufriu un importante incendio. En 1910 chegou ao cenobio unha comunidade de monxes que creou un priorado dependente do mosteiro de Samos. Os novos hóspedes restauraron as partes abrasadas, retellando e recuperando o xardín do claustro. En 1942 a comunidade disgregouse, e o mosteiro pasou a ser seminario menor da diocese de Mondoñedo. En 1970 o edificio pasou a ser sede do concello.

Arquitectura

O pequeno cenobio orixinal foise transformando co tempo, e xa non quedan vestixios da súa arquitectura románica e gótica logo das reformas do século XVII. Entre 1637 e 1650 o arquitecto Juan de Villanueva construíu o claustro maior, que consta de cinco arcos en cada panda, separados por pilastras dóricas. En 1644 o mestre de obras frei Benito Escobar contratou o mestre canteiro Domingo de Castro para edificar os arcos, pilastras e antepeitos do Miradoiro, que xa non se conserva. Entre 1648 e 1650 estivo como mestre de obras Francisco López Rosillo. Nesa época construíuse a fachada, en ángulo recto coa igrexa. A parte principal que serve de entrada ten dous corpos flanqueados por columnas que descansan sobre ménsulas moi sobresaíntes. A porta de acceso está limitada por un arco deprimido. O segundo corpo presenta un gran balcón con varandas de ferro. O muro que rodea a porta ten decoración de almofadado. Remata o conxunto un frontón barroco semicircular, cun escudo no centro coas armas do conde Osorio. Ao longo da á da fachada ábrese unha serie de ventás separadas por pilastras que reforzan o muro, rematadas por pináculos con forma de obelisco. No interior do edificio consérvase a escaleira que daba acceso desde a portería á cámara abaical, biblioteca e outras dependencias. Ten dous claustros: o principal, barroco e moi austero, e o claustro menor, onde está o pozo do Santo. Había a crenza de que as súas augas eran milagrosas e curativas, e os peregrinos usábana para beber e levala para a viaxe.

Igrexa

O templo actual construíuse a mediados do século XVIII. Iniciouse en 1735 seguindo as trazas do monxe Juan Vázquez de Samos, que despois alterou Fernando de Casas Novoa, deseñando ademais a fachada e dirixindo as obras das naves ata o cruceiro. É de pedra de granito procedente de Burela. Coñécese o proceso de construción grazas ao manuscrito conservado no propio mosteiro, escrito por frei Benito Ponte. O edificio ten planta de cruz latina, tres naves e cúpula sobre o cruceiro. A nave central é ancha e luminosa e nos seus laterais ábrense pequenas capelas para o culto.…

Texto de Wikipedia en gallego, con licencia CC BY-SA. Ver el artículo completo ↗

Ver en el mapaLeer en WikipediaCómo llegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Al lado de este lugar