Pazo
Casa Baludío
Gondomar · Pontevedra

A casa Baludío é unha casa grande galega situada no lugar da Texosa (parroquia de Mañufe, Gondomar), actualmente en ruínas. A casa, con terras de labranza, pertenceu orixinariamente ao mosteiro de Santa Baia de Donas, e sobre ela fundou morgado o capitán Álvaro Pérez de Ceta y Figueroa en 1623. == Casa e capela == Ao igual que o veciño pazo de Fontán, esta propiedade está en ruínas, e non existe de momento documentación que permita colocar data certa aos seus orixes. José Espinosa Rodríguez indica que cando no século XVII se fundou morgado sobre ela a través do capitán Álvaro Pérez de Ceta y Figueroa, estas terras foron con anterioridade propiedade do mosteiro de Santa Baia de Donas. Esta orde feminina baixo a regra de San Bieito desapareceu sobre o século XV, polo que se pode afirmar que polo menos é anterior a esas datas. Tivo capela baixo advocación de Santa Catarina. Da casa e capela pouco queda e os seus restos están en boa parte cubertos pola vexetación. Un muro de cachotería percorre o perímetro da propiedade, e un canizo (hórreo) amosa como único sobrevivente da antiga propiedade. Do relato feito por Espinosa Rodríguez, queda unha descrición da capela que a sitúa a carón da casa principal. Sinala que no frontal o pequeno templo tiña o brasón de armas do fundador do morgado, no ano 1623, o xa mencionado capitán Álvaro Pérez de Ceta. O escudo foi trasladado no século XX a unha casa da vila de Gondomar situada no cruzamento das rúas Elduayen, Urzaiz e Eduardo Iglesias por decisión de Sergio Espinosa Baladrón (pai de José Espinosa Rodríguez), descendente directo da casa de Baludío. Á devandita capela pertencía unha imaxe de Santa Catarina mártir ("talla de boa man"), que foi tamén trasladada por decisión da familia Espinosa, á capela da Virxe da Soidade na Mourisca, parroquia de Chaín. Pódese engadir, relativo a este templo, que figura no Interrogatorio da fregresía de San Vicente de Mañufe, no libro do Catastro de Ensenada, como propiedade do fidalgo, Juan Antonio Arias de Saavedra, herdeiro do morgado. == As terras da Casa Baludío == No século XXI, xa case sen rastros das antigas construcións, o traballo de campo do historiador Anxo Rodríguez Lemos para a recollida de toponimia na Texosa, permitiu rescatar microtopónimos vencellados ás terras de Baludío, que orientan na posible extensión deste morgado. Ao norte salienta As Tomadas de Baluído sobre o monte do Crasto de Penalba contiguo ao de Eiró nos lindes entre as parroquias de Mañufe e San Pedro da Ramallosa (Nigrán). A Granxa, outra tomada ao oeste da casa Baludío, recostada ás escolas Hispano-Americanas Pro-Val Miñor. Ao sur, e segundo se desprende do traballo de Espinosa Rodríguez, as terras chegaban polo menos até a ribeira norte do río Miñor, leiras que foron cortadas de leste a oeste pola estrada Guillarei - A Ramallosa, trazado do século XIX. Feito que foi aproveitado para o posterior parcelamento destas terras, a construción de novos edificios e a formación de novas terras de labor co achegamento de nova veciñanza á zona. A xeito de confirmación, no traballo antes citado de Rodríguez Lemos, foi recollido o topónimo Baludío como terras de labor nos terreos situados entre a fronte das escolas Pro Val e o río Miñor. Sen datos concretos dos límites ao leste, cabe supoñer que serían próximos ás terras veciñas do Pazo de Fontán, casa coa que comparte época. As terras de Baludío formaron parte dos terreos beneficiados pola obra de enxeñería civil máis importante de Gondomar no século XVII, o Acueduto do Bravo. Construído sobre o río Zamáns, permitía a través dunha canle pétrea, o rego dos campos de cultivos da zona. Como parte da súa estrutura estaba a chamada Levada do Bravo que atravesaba as terras da Baixa Redonda, Fontán até o morgado de Baludío, trazado que seguía en paralelo á beira norte do río Miñor. Para o arquitecto Soliño Troncoso é posible pensar que o morgado estivese detrás da súa construción, aínda que advirte a falla de documentación para comprobar esta teoría.…
Texte de Wikipédia en galicien, sous licence CC BY-SA. Lire l'article complet ↗
Chegar en bus
- Mañufea 158 mGondomar E.A.-Ramallosa-Lourido-Panxón-Canido-Vigo E.I. · Gondomar E.A.-Ramallosa-Nigrán-Coruxo-Vigo E.I. · Couso (Remedios)-Peitierios-Morgadáns-Gondomar-Ramallosa-Nigrán-Vigo E.I.
- Mañufea 208 mGondomar E.A.-Ramallosa-Lourido-Panxón-Canido-Vigo E.I. · Gondomar E.A.-Ramallosa-Nigrán-Coruxo-Vigo E.I. · Couso (Remedios)-Peitierios-Morgadáns-Gondomar-Ramallosa-Nigrán-Vigo E.I.
- Mañufe (cruceiro)a 212 mCEIP Chano Piñeiro-Gondomar E.A.-Piquetes · CEIP Chano Piñeiro-Gondomar E.A.-Piquetes
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.