Isola
Isola di Ons
Bueu · Pontevedra
.jpg?width=640)
A Illa de Ons forma parte dun pequeno arquipélago formado por illas e illotes que se atopa na entrada da ría de Pontevedra. A illa de Ons, cos seus 5,5 km de lonxitude e 800 metros de anchura, é a illa máis extensa do Atlántico peninsular. A zona occidental é a máis escarpada, con abruptos cantís, en cambio a oriental é máis suave e ten numerosas praias. Ons conforma, xunto coas Cíes, Sálvora e Cortegada, o primeiro Parque Nacional de Galiza. == Xeografía == === Situación e administración === Administrativamente pertence ó concello de Bueu, debido a motivos sociais e non de proximidade xeográfica, xa que os antigos colonos insulares procedían da comarca do Morrazo e, máis concretamente, do concello de Bueu, especialmente da parroquia de Beluso, onde reside aínda un importante continxente de insulares retornados a terra firme. O concello de Sanxenxo sempre tivo pretensións sobre a illa baseándose en motivos xeográficos; de feito, trala creación dos concellos modernos no século XIX, a illa foi adscrita primeiramente ó concello de Sanxenxo, se ben hoxe en día é unha parroquia do concello de Bueu. A illa atópase pechando a entrada da ría de Pontevedra, á que protexe dos fortes ventos do oeste e suroeste. As costas máis achegadas sitúanse, ó norte, na punta Faxilda (Noalla, Sanxenxo), a 3,8 km; Punta Abelleira (San Vicente do Grove, O Grove), a 5,7 km; o cabo Udra (Beluso, Bueu), a 8,3 km; e punta de Couso (O Hío, Cangas de Morrazo), a 8,4 km. === Caracterización xeográfica === A illa de Ons forma parte dun arquipélago popularmente coñecido como As Ons. O arquipélago está composto ademais pola illa de Onza, situada ao sur, e por varios illotes esparexidos por todo o seu perímetro, entre os que se pode mencionar: A Freitosa, o maior deles, xunto co seu illote xemelgo A Freitosa de Terra, ámbolos dous moi preto da costa suroeste da illa. O Centolo, no seu extremo norte, de destacada forma, trátase da parte do arquipélago máis achegada á terra firme. O Cairo, situado en fronte do antigo cemiterio da illa. Trátase dun farallón rochoso cunha característica forma de dente canino. A Laxe do Abade, preto do peirao. De valor histórico por posuír no seu cumio un sepulcro antropomorfo medieval labrado na pedra. A Pedra do Fedorento, ao sur da illa. A Illa do Xuvenco, ao norte. O Con dos Galos, e outros de menor tamaño e importancia. A illa ten 6 quilómetros de longo por 1,5 de ancho e 414 hectáreas de superficie. Esténdese do norte ao sur, en posición perpendicular á ría de Pontevedra. A costa da illa diferénciase moito na súa ribeira oriental (a que mira á ría) e a occidental, aberta ao mar. Esta última está moi recortada, con dúas grandes enseadas (a de Bastián de Val ao norte e a de Canibeliñas ao sur) destacando nela numerosos illotes e farallóns; trátase dun litoral enteiramente formado por cantís. A costa oriental é rectilínea e relativamente baixa, e é alí onde se atopan a maioría das praias da illa e onde está o núcleo de poboación. As praias da illa de norte a sur son, na costa oriental: Praia de Melide; a máis grande, nudista, cun valioso campo dunar. Praia do Almacén ou Das dornas; pegada ó peirao pola súa parte norte, bastante grande. Praia de Area dos Cans; ó sur do peirao. É a máis concurrida, por estar debaixo do pequeno núcleo urbano da illa. Praia de Canexol; baixo o castro e o cemiterio da illa. Praia de Pereiró; a máis meridional, baixo a aldea do mesmo nome e rodeada dun exuberante contorno. E na costa occidental: Praia das Fontiñas Praia de Liñeiro A orografía da illa é amesetada, cunha sucesión de elevacións de cumios chans que conforman páramos de toxo e carrasqueira. A máxima elevación atópase no Alto do Cucorno, vértice xeodésico de 118 metros de altura, xusto onde se sitúa o faro. Entre os outeiros aparamados ábrense pequenos vales que a miúdo coinciden coas enseadas que penetran na súa costa occidental. As outras elevacións da illa atópanse no Alto da Freitosa (97 metros) e no Alto da Altura (77 metros), ao sur; e no Alto da Cerrada (103 metros) e o do Centolo (86 metros), ao norte.…
Testo di Wikipedia in galiziano, con licenza CC BY-SA. Leggi l'articolo completo ↗