Arquivo e biblioteca histórica
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra
Pontevedra

O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra é un arquivo galego de titularidade estatal e xestión transferida dende 1989 a Galicia. Depende orgánicamente da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra e, funcionalmente, da Subdirección Xeral de Arquivos, dentro da Secretaría Xeral de Cultura. Actualmente, custodia máis de 11 quilómetros de documentos, procedente de todos os eidos e sectores da provincia de Pontevedra. Presta servizo ao público, á administración e aos investigadores.
Localización
O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra ten a súa sede nun edificio histórico, a Casa dos Fonseca, situado no número 4 do Paseo de Colón, entre A Moureira e o Ensanche, no centro de Pontevedra.
Historia
Foi en 1931 cando a administración xeral do Estado decidiu crear os arquivos históricos provinciais. O Arquivo Histórico de Pontevedra ten a súa orixe no Decreto de 12 de novembro de 1931 do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes sobre réxime e denominación dos Arquivos Históricos de Protocolos e Históricos Provinciais. O arquiveiro da Delegación de Facenda e director da Biblioteca Pública Provincial, Enrique Fernández-Villamil, procedeu a dar os primeiros pasos para a súa creación. O Arquivo foi constituído como tal en 1932, cando o padroado reitor celebrou a súa primeira reunión, e empezou a recibir fondos a partir de 1934. Nese ano ingresou o primeiro protocolo no Arquivo, que se situou nun local provisional cedido pola Delegación Provincial de Facenda. Debido á falta de espazo na súa sede provisional inicial o Arquivo Histórico trasladouse en 1940 ao Instituto Nacional de Ensino Medio. Este cambio permitiu a incorporación de case todos os antigos protocolos notariais da provincia, algúns fondos particulares e o arquivo municipal de Tui. En 1955 o Ministerio de Educación adquiriu a Casa dos Fonseca, onde o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra trasladou a súa sede definitiva en 1960, logo de adaptar este edificio histórico para tal fin, sendo a directora Raquel Lesteiro. O histórico edificio acolleu tamén até 1987 a Biblioteca Pública de Pontevedra. En 1985 o Arquivo Histórico de Pontevedra foi declarado Ben de Interese Cultural. En abril de 2024 o Goberno de España licitou o proxecto para a reforma do edificio conventual e o traslado do Arquivo ao antigo convento de San Francisco, situado no centro histórico de Pontevedra, debido á falta de espazo na Casa dos Fonseca. O estudio de arquitectura Aybar e Mateos deseñou a rehabilitación, cuxo proxecto definitivo se presentará en 2025 para licitar as obras en 2026. Os arquitectos Camila Aybar e Juan José Mateos buscan adaptar o edificio ao seu novo uso mantendo o seu carácter e evitando cambios na súa imaxe exterior. As principais intervencións céntranse no patio e os forxados, reorganizando os espazos desordenados e mellorando a súa funcionalidade. A entrada principal trasladarase á rúa Pasantería e a praza da Estrela. O interior reorganizarase para aumentar a superficie útil en máis dun 25%, mediante novos forxados e unha planta adicional, sen afectar a fachada. O edificio dividirase en dúas zonas: unha pública cara ao oeste, xunto ao novo acceso, e outra reservada ao leste, xunto á igrexa gótica de San Francisco. O patio converterase no corazón organizativo do conxunto.
Obxectivos e funcións
O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra encárgase de recoller, organizar, conservar e difundir a documentación xerada por organismos e institucións públicas ou privadas no eido provincial no exercicio das súas funcións e é ademais o lugar onde se conservan devanditos fondos documentais para servir de apoio á xestión administrativa, á información, á investigación e á cultura. O arquivo responde á tipoloxía de arquivo intermedio e histórico e administrativo e o ámbito territorial que abrangue é o da provincia de Pontevedra. Forma parte do Sistema de Arquivos de Galicia e do Sistema Estatal de Arquivos. == Fondos documentais ==…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- Paseo de Colóna 82 mPonte da Barca-Pontevedra (X)
- Corvaceirasa 85 mVilagarcía E.A.-Pontevedra E.A. · Testos-Pontevedra E.A.
- SAN ROQUEa 94 mO Grove E.A.-Pontevedra E.A. · O Grove E.A.-Pontevedra E.A. · A Balea (casa Falcón)-Pontevedra E.A. · A Balea (casa Falcón)-Pontevedra E.A. · O Grove E.A.-Portonovo-Pontevedra E.A. · O Grove E.A.-Portonovo-Pontevedra E.A.
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.