Monte e serra

Monte Alba

Valadares · Vigo · Pontevedra · 503 m

Monte Alba, monte e serra en Vigo

Foto: Juan Mejuto · CC BY-SA 2.0 · Wikimedia Commons ↗

O monte Alba, tamén coñecido como O Cerro de San Bartolomeu, localízase na parroquia de Valadares, no concello pontevedrés de Vigo.

Situación

Conforma un parque forestal xunto co monte Cepudo, que acada unha altura de 527 m. Ambos os dous forman parte dun mesmo macizo granítico dividido en dous na parte máis alta. É o máis alto dos dous e un dos puntos máis elevados de todo o concello de Vigo. Os dous cumios son tamén miradoiros desde os cales se pode observar gran parte da cidade, a ría de Vigo e mais as illas Cíes.

Celebracións

Todos os 15 de agosto comeza no monte Alba unha romaría que dura ata o 8 de setembro. O 15 de agosto sobe dende a igrexa de Valadares ata a súa ermida a imaxe da Virxe da Alba. Días máis tarde, o 24 de agosto, sobe San Bartolomeu, coñecido como o santo «quitamedos» xa que a tradición di que ao dar tres croques nel, os medos desaparecen. Finalmente, o 8 de setembro baixan as dúas imaxes ata a igrexa parroquial. Durante a subida e a baixada, en procesión, centos de persoas e varios grupos de gaitas acompañan a Virxe e a San Bartolomeu.

Patrimonio

No cumio do monte Alba, a 503 metros de altitude, atópase a capela de Nosa Señora da Alba, adicada á Virxe da Alba e a San Bartolomeu, que no pasado formou parte dun castelo medieval. É unha ermida con planta rectangular e na súa fachada aínda se conserva o escudo da familia á que pertencía. No ano 1999, para impulsar a renovación e recuperación do monte Alba, a comunidade de montes de Valadares organizou o Primeiro Simposio Internacional de Esculturas no monte Alba. Froito deste acontecemento, na actualidade pódense visitar ata 11 esculturas; algunhas delas son Itinerario de Ana Olano, Receptáculo solar de Eduardo López, A pirámide do tempo de María Branera, Atravesando el paso de Igor Brown ou a Metamorfosis de Remigio Davila. Esta última é unha das máis coñecidas, xa que se trata dunha escultura formada por tres pezas que se van transformando ata se converteren nun instrumento musical. Esta peza final ten no medio un oco, a través do cal pode contemplarse o solpor cada 15 de agosto.

Outros artigos

Parques de Vigo

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Que é Montaña

Tamén chamado O Cerro de San Bartolomeu

Altitude 503 m

Vila máis próxima A Garrida, a 1,5 km

Camiño de Santiago Caminho Português de Nossa Senhora do Norte, a 1,2 km

No concello viven 295.735 (2025) · IGE

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Ao lado deste lugar