Monte e serra

Monte de San Trocado

San Amaro · Ourense

Monte de San Trocado

O monte do San Trocado —ás veces escrito Santrocado— ou de San Torcuato é unha montaña da provincia de Ourense situada entre as comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Érguese na beira dereita do Miño ao seu paso pola parroquia de Laias, en Cenlle, e o cume acada 554 m no linde entre os concellos de Santo Amaro e Punxín. Desde el pódese enxergar toda a redonda, destacando as vistas da Serra da Martiñá (1.037 m; en Cea) cara ó norte, e do Coto de Novelle (715 m; entre Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle) cara ó sur. Na aba meridional abrollan mananciais de augas medicinais, explotados polo moderno balneario de Laias. O monte do San Trocado pertence ós concellos de Cenlle, San Amaro e Punxín, e teñen parte nel cinco parroquias: Santo Antonio da Barca de Barbantes, Santa Baia de Laias, Santa Ouxea de Eiras, San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, co cume situado entre as dúas últimas. == O poboado mineiro e a calzada a Lambrica == Ó poboado chégase subindo desde Laias andando por pistas forestais. Débese cruzar a actual autovía A-52 Vigo-Benavente. A causa da construción desta autovía, nos anos noventa fíxose desaparecer un importante sitio arqueolóxico prerromano e romano relacionado coa minería. O máis destacable deste sitio eran uns depósitos de mineral, tallados na rocha, e diversas construcións. Nas escavacións realizadas apareceron restos de muíños de man, útiles mineiros e moedas. Este asentamento figura en moitos estudos co nome de Barbantes, unha nova parroquia xurdida ó lado da de Laias no século XX, e coa que comparte unha parte do monte San Trocado. No subsolo do monte e no dos seus arredores hai estaño, con restos de explotacións ata mediados do século XX, polo que se pode considerar que este mineral xa fora explotado polos habitantes das épocas romana e prerromana. Tamén se poden rastrexar evidencias en lendas e na toponimia do lugar que aluden ó ouro, que podía ser extraído por diversas técnicas do interior dos montes (ver Laias), sendo a máis coñecida a do aproveitamento das areas fluviais. Desde aquí partía unha calzada empedrada que desembocaba no castro de Lambrica ou de San Cibrán de Las, aínda que este último nome non se axusta á realidade xa que o castro está compartido polas parroquias de Ourantes e de San Cibrao de Las, dos concellos de Punxín e San Amaro, respectivamente. Lambrica é o castro máis grande da comarca, chamado aínda hoxe "A Ciudá", o que dá a entender a súa importancia con respecto ós outros pequenos castros que o arrodean, como o Castro Martiño (Xinzo), o Castro de Beariz, o Castro de Eiras ou o propio castro do Santrocado. O nome de Lambrica procede dunha ara romana que apareceu no pazo de Eiras, na que un tal Emilio Reburrino dedica a ara ó deus prerromano Bandua Lambricae, o que nos indica a súa conexión co castro, auténtica "capitalidade" daquelas terras e naqueles tempos, pero en ningún caso está documentada a procedencia da ara do castro de Las. Porén, existen discrepancias na súa lectura, tentando moitos autores de relacionalo directamente co topónimo Lás e lendo "Lansbrigae" ou "Lanobrigae" en vez de "Lambricae". Ademais, tense utilizado o xenitivo para nomear o sitio, en diversas publicacións e folletos turísticos, o que é unha clara incorrección. Antes de chegar a Lambrica, esta calzada podía ser vixiada desde o alto do monte que se comenta, o San Trocado, no que existiu tamén un pequeno poboamento castrexo. Neste lugar téñense feito algúns estudos arqueolóxicos que deron a entender que as primeiras ocupacións do San Trocado poden enmarcarse entre o final da Idade de Bronce e a Idade de Ferro inicial, máis ou menos entre os séculos VII e VI antes de Cristo, o que dá unhas datas un pouco anteriores á ocupación de Lambrica. Nos arredores de Lambrica existen vestixios que testemuñan a ocupación do territorio na Idade de Bronce. Así, existen mámoas inmediatas ó castro, pero tamén en lugares máis afastados, como as do monte da Ermida na veciña parroquia de Eiras, asociadas a unha rocha con petróglifos circulares e inmediatas a vetas auríferas e de estaño, que percorren toda a ladeira sur do Monte de San Trocado, dende a parroquia de Eiras (San Amaro) ata Barbantes.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Ao lado deste lugar