Monumento

Mosteiro de San Pedro de Rocas

Esgos · Ourense

Mosteiro de San Pedro de Rocas

O mosteiro de San Pedro de Rocas foi un convento situado na parroquia de Rocas, no concello de Esgos, a 657 metros de altitude, no monte Barbeirón. Está rodeado dunha densa superficie forestal que agocha vales, camiños empedrados, formacións rochosas diversas e fontes. É o mosteiro máis antigo de Galiza, amais de ser un singular exemplo de igrexa rupestre, escavada na rocha viva . Está declarado Ben de Interese Cultural. Este conxunto está incluído na ruta de sendeirismo PR-G4 Camiño Real de San Pedro de Rocas. A casa prioral alberga o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas. == Historia == A súa orixe remóntase ao século VI, do que dá testemuña unha lápida do ano 573 cunha inscrición na que figuran os nomes dalgúns dos monxes fundadores (Hereditas, N... Eufraxi, Eusani, Quinedi, Eaci, Flavi, Ruve), aos que se refire como "os herdeiros", o que induce a pensar que o mosteiro fora construído con anterioridade. Esta lápida supón, ademais, unha proba da existencia de vida cenobítica en Galiza anterior aos mosteiros mozárabes e aos fundados por san Froitoso. "Nunha das capelas existe unha lápida que di: Hereditas-N-Eufraxi, Susani, Guinedi, Eaci, Flavi, Ruve, Era 611 (ano 573). A primeira palabra indica que se trata dunha continuación da vida monástica, quizá ligada coas fundacións do Bracarense". ( Ramón Otero Pedrayo)Este primitivo mosteiro quedou deserto coas invasións musulmás ata que, a finais do século IX, un cabaleiro chamado Gemondus descubriu este lugar durante unha xornada de caza cando perseguía un xabaril e se retirou para facer vida de oración e penitencia. A el uníronselle outros cabaleiros e creouse unha pequena comunidade baixo a súa autoridade como abade deste mosteiro. É probable que o recinto fose abandonado no século VIII e así estaría ata o século IX, etapa na que rexurdiu como mosteiro, sendo rei Afonso III o Magno. O primeiro testemuño escrito sobre papel existente acerca deste lugar data do ano 1007, trátase dun privilexio outorgado polo monarca Afonso V despois dun incendio. San Pedro de Rocas foi moi favorecido por Afonso III o Magno, que dotou este cenobio de grandes doazóns (confirmadas por Afonso V o Nobre e ás que seguiron as doutros reis como Afonso VII, Fernando IV e Henrique III), e instaurou nel a regra beneditina. Durante séculos, San Pedro de Rocas pasou por diversas dependencias, en ocasións vinculado ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e noutros momentos con priores autónomos, ata que no século XV o priorado de San Pedro de Rocas quedou unido ao mosteiro de Celanova definitivamente. Trala desamortización, o antigo mosteiro converteuse en parroquia. Sufriu varios incendios, o primeiro no século XI cando era o seu abade Aloito, outro no ano 1641, que destruíu o edificio conventual, dando lugar na súa reconstrución ao actual, e o último, que produciu o seu abandono, en 1928. O 20 de setembro de 1923 foi declarado Monumento Histórico-Artístico. == Arquitectura == O templo actual é un edificio de construción robusta, do século XVII. Entre este e a fachada da igrexa románica hai varios sepulcros antropomorfos escavados no chan, onde se supón que se atopaba o claustro monacal e o camposanto. O que máis chama a atención do exterior e dá nome ao lugar é un campanario, obra de Gonzalo de Penalva no século XV, construído sobre unha pena duns 14 metros de altura e tallada cunha escalinata na parte posterior que permite subir a el. Nesta mesma pena está escavado un arco que dá paso a un espazo rectangular pechado por un muro e empregado ata hai pouco como cemiterio parroquial.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Ao lado deste lugar