Espazo protexido
Parque Nacional das Illas Atlánticas
Bueu · Pontevedra · 2002

As Illas Atlánticas son un parque nacional galego que abrangue os arquipélagos das Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, todas elas nas Rías Baixas, e as súas augas. As illas de Sálvora e Cortegada atópanse na ría de Arousa, as Ons na boca da ría de Pontevedra e as Cíes pechando a ría de Vigo. Todas elas están nos exteriores das rías, agás a de Cortegada. Este parque declarouse o 1 de xullo do 2002 co nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza, o que o converteu no primeiro e único parque nacional de Galiza e no décimo terceiro a nivel estatal. Con esta declaración inténtase protexer o litoral, a paisaxe e os ecosistemas terrestres e mariños destas illas, que forman unha barreira natural na plataforma continental eurosiberiana. Namentres que no medio terrestre destacan os sistemas dunares e cantís das illas, nas augas destacan a biodiversidade das formacións rochosas e os areais, que contan con bosques de algas pardas e múltiples especies de peixes e bivalvos. A delimitación territorial deste parque nacional realizouse en función da singularidade paisaxística, xeomorfolóxica e cultural deste territorio e coa finalidade de protexer unha mostra representativa dos sistemas costeiros atlánticos. O valor deste parque vai desde o científico e educativo ata o recreativo. No ano 2017 o parque recibiu 440 mil visitas turísticas. == Xeografía == As illas que forman o parque atópanse na plataforma continental das rías baixas galegas: as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Na primeira está o arquipélago de Cortegada, no seu interior, e o arquipélago de Sálvora, no seu exterior. O arquipélago das Ons, formado principalmente polas illas de Ons e Onza, está no exterior da ría de Pontevedra. Por último, as illas Cíes pechan a ría de Vigo. Este arquipélago fórmano as illas de Monteagudo, do Faro e de San Martiño. A superficie de 8.480 hectáreas do parque distribúese do seguinte xeito: === Arquipélagos integrantes === Arquipélago de Ons: as illas Ons forman un arquipélago situado na boca da Ría de Pontevedra, nas coordenadas 42°22′50″N, 8°56′00″O. O arquipélago forma a parroquia de San Xoaquín da Illa de Ons de Bueu. Componse da illa de Ons, a única illa do parque nacional habitada durante todo o ano, a illa de Onza ou Onceta, e outros pequenos illotes, entre os que destacan O Centolo, O Gaiteiro ou As Freitosas. A maior das illas, Ons, é de 5,5 km de longo e 0,88 km de ancho. Chega a unha altitude de 119 metros, onde se localiza o seu faro. Namentres que a costa oeste está formada por cantís con múltiples furnas, como O Buraco do Inferno, a costa leste ten dunas e areais, como a praia e duna de Melide ou a praia das Dornas. Destacan da illa de Ons os asentamentos e etnografía das súas poboacións. A illa de Onza, máis pequena ca Ons, está deshabitada. Arquipélago de Cíes: as illas Cíes forman un arquipélago situado na boca da ría de Vigo. Pertencen á parroquia de San Francisco de Fóra de Vigo[Cómpre referencia], e atópanse nos 42°15' de latitude norte, e nos 8°54' de latitude oeste. Este arquipélago fórmano as illas de Monteagudo (ou do Norte) e do Faro (ou do Medio), que están unidas por un dique artificial e pola praia de Rodas, e a illa de San Martiño (ou do Sur). As illas varían en lonxitudes de 1,5 a 3 km e chegan a un máximo de altitude de 197 m, no Alto das Cíes, no norte da illa de Monteagudo. A vertente oeste das illas ten cantís acusados e praias e chairas cara ao leste. As agora despoboadas illas contan con ruínas de castros, mosteiros ou fábricas de sal. Arquipélago de Cortegada: a illa de Cortegada e as illas de Malveira Grande e Chica, Briñas e o illote de Con son un arquipélago interior da ría de Arousa, na desembocadura do Ulla, no concello de Vilagarcía de Arousa. Cortegada é unha illa de 1 km de longo de 0,5 km de ancho que non supera os 19 m de altitude. Destaca pola súa densidade arbórea, en particular polo seu bosque de loureiros, de especial interese botánico: é o maior dos peninsulares e dos maiores europeos. Ademais posúe unha gran diversidade micolóxica. Na illa de Malveira destaca o bosque de cerquiños.…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗