Espazo protexido
Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra
Rubiá · Ourense · 2002
.jpg?width=640)
O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é unha paraxe protexida que comprende a contorna da serra da Enciña da Lastra, unha das serras orientais de Galiza. Está situado na zona nordés da provincia de Ourense, no concello de Rubiá, comarca de Valdeorras, xusto no límite coa comarca do Bierzo. Foi declarado parque natural no ano 2002. Ten unha extensión de 3151,67 ha e unha altitude media de 684 m. O parque abrangue a serra e un val calcario de pendentes pronunciadas e cantís entre os que destacan a pena Falcoeira, o val do Inferno ou os penedos de Oulego. O río Sil discorre durante uns catro quilómetros polo extremo oriental do parque, remansado nese tramo polo encoro de Penarrubia. O outro curso de auga permanente é o río Galir, alén da existencia doutros regatos estacionais. Os puntos de máxima altitude da serra son O Piornal, con 1529 metros sobre o nivel do mar e a pena Tara, con 1089 metros, nos penedos de Oulego. Área de especial interese faunístico e florístico polo seu carácter limítrofe entre a rexión mediterránea e a eurosiberiana, o parque abrangue a mellor representación de vexetación mediterránea en Galicia, con números endemismos de ámbito reducido. Posúe tamén destacadas poboacións de aves rapaces, entre as que destaca a presenza do voitre branco, aguia real e falcón peregrino. A menor dureza do solo calcario propiciou a formación de abundantes covas —que aquí se denominan palas— que acubillan importantes colonias de morcegos, das máis importantes de Galicia. Outro punto de interese radica na presenza de pasteiros mediterráneos característicos de zonas rochosas de montaña. == Clima == O parque natural atópase nunha zona climática de transición entre os dominios oceánico de montaña e oceánico-mediterráneo, cunha precipitación media anual de 594 mm e unha temperatura media de 12,9 °C. Segundo estudos levados a cabo pola Xunta de Galicia o parque presenta o clima máis seco de Galicia, de tipo mediterráneo tépedo. == Xeoloxía == Os terreos de natureza calcaria, moi restrinxidos a nivel galego, atópanse principalmente na serra da da Enciña da Lastra onde forman unha unidade coas áreas veciñas do Bierzo, que se inclúe xeograficamente na zona xeolóxica ástur-occidental leonesa. Trátase do dominio da denominada calcaria da Aquiana, de tipo marmóreo e natureza recifal, estratificación pouco marcada e en ocasións totalmente dolomitizada.(ref) Debido á súa natureza, estas calcarias presentan restos fósiles de briozoos e outros organismos do período ordovícico, testemuñas dunha época en que esta zona se encontraba somerxida baixo o mar. A área é altamente singular no ámbito galego, desde os puntos de vista xeomorfolóxico, ecolóxico e paisaxístico, polo gran desenvolvemento, extensión e pendente que alcanzan os cortados calcarios, que chegan a superar os 200 m de altura e teñen a súa mellor representación no estreito do Covas, na pena Falcoeira e nos penedos de Oulego. Así mesmo, aquí atópase o mellor exemplo de morfoloxía cárstica de Galicia, albergando a maior rede de covas e simas da Comunidade Autónoma, entre as que destacan as existentes nas inmediacións de Covas e Biobra, non afectadas polo encoro. Por outra parte, a parte inferior das vertentes da serra está constituída por lousas e cuarcitas. A este nivel, son elementos xeomorfolóxicos relevantes os conos de dexección e os depósitos detríticos de lousas, cuarcitas e calcarias, presentes en Covas e no seu contorno. A elevada singularidade do espazo natural foi tida en conta polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España ao incluír parte da área no Punto de Interese Xeolóxico "Minas de Pintura" (PIG OR-3), que, ademais dun depósito presilúrico de limonita situado en Pardollán, de elevado interese estratigráfico, inclúe o estreito de Covas e o macizo calcario de Penarrubia. == Flora e fauna ==…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- VILARDESILVAa 896 mPardollán-O Barco de Valdeorras E.A. · Pardollán-O Barco de Valdeorras E.A. · CEIP Virxe do Camiño-Vilardesilva · CEIP Virxe do Camiño-Vilardesilva
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.
Ao lado deste lugar
- Aciñeira de CovasÁrbore senlleira
- Encoro de PeñarrubiaLago, lagoa e encoro
- Pala da ZorraCova
- Igrexa de San Miguel de BiobraIgrexa
- Igrexa de San Salvador de CovasIgrexa
- Igrexa vella de Santo Estevo de PardollánIgrexa
- Igrexa nova de Santo Estevo de PardollánIgrexa
- Igrexa da Santísima Trindade de VilardesilvaIgrexa