Palacio
Pazo de Lourizán
Lourizán · Pontevedra · 31 m
Foto: juantiagues · CC BY-SA 2.0 · Wikimedia Commons ↗
O Pazo de Lourizán é unha casa señorial situada no lugar de Herbalonga da parroquia de Santo André de Lourizán do concello de Pontevedra. En 2025 foi declarado Ben de Interese Cultural.
Historia
No século XV este predio foi habilitado como "granxa" e pertencía á familia Montenegro. Desta época conserva o pombal ameado de planta circular. Na leira construíuse unha casa-torre fortificada na que Luis de Góngora pasou unha tempada en 1609 e escribiu unha parte do seu libro Soledades. No século XVII, a propiedade, coñecida como Granxa da Serra, era propiedade do Marquesado da Serra. Posteriormente tivo diferentes propietarios, comerciantes e empresarios. No século XIX, o pazo pertencía a Buenaventura Marcó del Pont Bori, tras compralo aos herdeiros de Francisco Genaro Anxo, irmán da súa esposa. Máis tarde converteuse en casa residencial e lugar de veraneo, cando residiu nela Eugenio Montero Ríos. En outubro de 1876 Montero Ríos alugou a propiedade e adquiriuna o 16 de maio de 1879. Naquela época a propiedade estaba moi preto da ría de Pontevedra e tiña embarcadoiro propio. Entre 1893 e 1894 levou a cabo a primeira gran reforma do pazo. Consistiu na creación dunha galería de madeira na á sur, que encerraba a capela do edificio. O pazo converteuse nunha residencia ostentosa con funcións representativas institucionais, ademais de espazo de vivenda, de lecer e recreativo. Nos seus salóns asinouse o Tratado de París tras a guerra cos Estados Unidos en 1898, na que España perdeu Cuba, Porto Rico, Filipinas e Guam. Sendo ao final do século XIX os salóns sociais dos pazos e mansións as principais galerías de arte en Pontevedra, o pazo de Lourizán, serviu tamén en 1898 de escenario á obra do pintor Ovidio Murguía. Eugenio Montero Ríos encargou ao arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez a completa remodelación do pazo a principios do século XX. O obxectivo foi converter o pazo nun gran palacete residencial imitando e superando en tamaño a tipoloxía dos hôtels particuliers á moda do estilo Segundo Imperio Francés. O proxecto de fachada data do 20 de febreiro de 1909 e integrou e harmonizou elementos de diferentes etapas construtivas para crear unha unidade arquitectónica. A remodelación deu ao pazo un novo aspecto, tanto no exterior como no interior. As obras comezaron en setembro de 1909 e terminaron en 1912. Na súa orixe as estatuas de mármore da grande escalinata central de acceso ao pazo conformaban a denominada avenida das estatuas, pero con esta gran reforma do edificio terminaron recolocándose na escalinata. Eugenio Montero Ríos viviu no pazo de Lourizán ata a súa morte en 1914. A Deputación de Pontevedra adquiriuno en 1943, comprándollo á Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra e (unha quinta parte) á marquesa viúva de Alhucemas. Nese mesmo ano cedeullo ao Ministerio de Educación para o seu uso como Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1946 converteuse en Escola Técnica Superior de Montes. O centro pasou a formar parte do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INIA) en 1973 e en 1984 foi transferido á Xunta de Galicia. Desde 1991 está integrado na estrutura do Centro de Desenvolvemento Sustentábel da Consellería de Medio Ambiente. O Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán ten por obxectivos principais a protección, conservación e mellora do patrimonio forestal de Galiza. O 19 de maio de 2023 o pazo pasou a ser propiedade da Xunta de Galicia, que o declarou Ben de Interese Cultural en abril de 2025.
Descrición
O edificio
O edificio do pazo é de aire romántico e foi obra de Jenaro de la Fuente Domínguez. É un edificio ecléctico con influencias da Art Nouveau, o clasicismo e a arquitectura francesa do Segundo Imperio. A estrutura do pazo é simétrica, monumental e con predominio de volumes horizontais. Ten planta baixa e dous pisos. O corpo central ten forma de U con tres torres coroadas por mansardas francesas e tellado de lousa. A fachada ten columnas e pilastras xónicas. A parte central está realzada por un brasón e un reloxo, no lugar do escudo que locen os pazos galegos.…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Datos
Que é Pazo
Estilo Arquitectura Art Nouveau
Autoría Jenaro de la Fuente Domínguez
Protección Ben de Interese Cultural
Altitude 31 m
Vila máis próxima Pontevedra, a 3 km
Ruta que pasa preto Ruta dos Sete Camiños, a 1,2 km
No concello viven 83.339 (2025) · IGE
Para ir
Enderezo Variante de Marín, Pontevedra
Chegar en bus
- Lourizána 420 mCangas de Morrazo E.A.-Pontevedra E.A.
- Lourizána 430 mMarín-Praza de Galicia (marquesiña) · Marín-Residencia Montecelo · Pontevedra E.A.-Aguete (praia) · CEIP A Carballeira-A Ruibal (ponte autoestrada)
- A PASTORAa 440 mCEIP A Carballeira-A Ruibal (ponte autoestrada) · CEIP A Carballeira-A Ruibal (ponte autoestrada)
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.