Pazo

Pazo do Picón

O Pino · A Coruña

Pazo do Picón

O Pazo do Picón, tamén chamado Pazo de San Fernando do Picón, é unha construción barroca do século XVII do lugar do Picón, na parroquia de Arca do concello do Pino. == Descrición == O pazo atópase nunha contorna rural, aínda que apenas a un quilómetro da capital municipal, O Pedrouzo, case ao final da rúa do Picón. O acceso ao conxunto palaciano prodúcese a través dun bosque de cedros e eucaliptos, entre outras especies arbóreas de bo porte. A meirande parte do pazo está construído con bos perpiaños de granito, tanto nas esquinas como nas aperturas (fiestras e portas), completándose os muros con cachotaría de lousa que está extensamente encalada. Ten forma de U aberta con prolongacións ao exterior, especialmente polo corpo duns 130 m² que se estende ao nordés e que, co corpo principal do pazo, presentaría a tradicional forma de L e unha superficie total duns 500 m². Porén, a estes espazos hai que engadirlles outras edificacións de menores dimensións, orientadas ao suroeste, que ocupan unha planta duns 450 m². A disposición de todas estas construcións dá como resultado a aparición de dous patios, un máis pechado que o outro. O patio do suroeste é máis amplo e está rodeado de distintas edificacións, servindo orixinalmente como patio de carruaxes. O patio do nordés é máis pequeno e nel atópase o patín e solaina, dispoñendo de decoración herbácea e limitando co gran xardín exterior. Por fin, separado uns metros no lado sueste, seguindo paralelamente o camiño de entrada, hai un hórreo tipo O Pino de bo tamaño e dúas plantas máis un pombal circular. === Os patios === O patio grande conta no seu lado nordés cun patín xunto ao que se atopa unha torre de dous corpos, lixeiramente adiantado con respecto á liña do resto da edificación. A disposición con respecto ao eixo do edificio, o seu escaso volume e os distintos elementos decorativos da torre (a ventá en tripla arcada de medio punto, as ameas, a forma cúbica superposta dos seus corpos que lle dan o aspecto de torreta...) fan considerar que a construción da torre se executou en tempos recentes. De feito, sábese que o corpo superior da torre data de 1958. O portón arquitrabado da entrada exterior ao patio pequeno está coroado cunha pequena cruz na viga horizontal. Unha vez dentro deste, distínguese ao noroeste a solaina con patín, que no lintel da súa porta ten escrito o ano 1699, o de remate da construción do pazo. Ao seu carón, o lado suroeste presenta un airoso beirado sostido por uns tirantes inhabituais nas construcións galegas. Baixo deste alar, o lenzo divídese en tres partes. A central e a da dereita teñen cadansúa porta e, sobre elas, cadansúa fiestra. A parte esquerda conta cun nicho cunha imaxe no primeiro andar e baixo del un antigo relevo no que se pode ler «PAZO DE S. FERNANDO EL PICON». No centro do patio hai unha pequena sebe circular que rodea unha esvelta árbore. A capela arranca desde este espazo cara ao sueste e conta cunha superficie duns 110 m². A liña que marca a capela é continuada polo exterior por un enreixado sobre un muro que vai bordeando o gran xardín.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar