Monumento
Templo de Santalla de Bóveda
Lugo

O templo romano de Santalla de Bóveda é un santuario tardorromano datado entre os séculos II e IV, situado na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera, concello de Lugo, a uns 14 quilómetros da capital. Está semisoterrado a carón da actual igrexa de Santalla. Foi descuberto en 1926 e os arqueólogos non souberon dar ata agora unha explicación segura da súa orixe e finalidade. Admítese que se trata dun templo pagán, con diferentes teorías sobre a súa finalidade, cristianizado séculos máis tarde. Está considerado un unicum, ó non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo Imperio Romano. En 1931 foi declarado Monumento Nacional, e en 1985 Ben de Interese Cultural. == Descubrimento e restauración == Non existen datos do monumento ata primeiros do século XX. Foi José María Penado, párroco de Santalla desde 1909, quen descubriu os restos cando facía obras de reparación na igrexa parroquial moderna, guiado por tradicións orais que falaban da existencia dun templo soterrado. O momento preciso da descuberta non está documentado; o caso é que non se fixo pública até o verán de 1926. Nese ano a noticia chegou á Comisión de Monumentos Histórico-Artísticos de Lugo, quen encargou a Luis López-Martí, director nesa altura do Museo Diocesano Histórico-Arqueolóxico de Lugo, a escavación e recuperación dos restos. A desafortunada forma na que se realizaron as primeiras escavacións provocou o derrubamento de toda a parte superior da bóveda. Dela queda memoria polas fotografías realizadas daquela, as acuarelas de Elías de Segura de 1927 e algúns restos con pinturas xeométricas que se conservan nos museos Provincial e Catedralicio de Lugo. Arredor da década de 1950, realizouse unha nova campaña de escavacións dirixida por Manuel Chamoso Lamas. Estes traballos evidenciaron existencia da piscina central, que estaba atacada de entullo e cuberta por un lousado de pedra. Na década de 1970 volveron facerse obras de restauración e mantemento dos restos, que incluíron unha placa de cemento sobre a estrutura para evitar definitivamente os problemas de escorras da chuvia sobre o edificio. == Arredores == Santalla de Bóveda atópase a uns 14 km ao suroeste da cidade de Lugo, no val do río Mera. Este val é dunha gran riqueza arqueolóxica, pois sitúanse nel máis de media ducia de castros. O máis próximo é o de Corvazal, situado a pouco máis de medio quilómetro do templo. Con todo, trátase de castros con extensións inferiores a unha hectárea. Tamén se deron numerosos achados de procedencia romana, como a estela de Crecente, que se atopou na parroquia de San Pedro de Mera. Ademais a vía XIX discorría polas inmediacións do templo. Aínda que o trazado exacto da vía nesta área está aínda en discusión, suponse paralela ao río e pasaría a uns dous quilómetros ao sur de Santalla. En San Romao da Retorta (concello de Guntín, a uns seis quilómetros de Bóveda) atopouse na década de 1980 o miliario de Calígula, datado no ano 40 d. C. e adicado a este emperador. Amais, nunhas escavacións de 2002 deuse con restos dunha calzada romana case ao pé do templo. Na súa tese de doutoramento sobre o edificio, Montenegro Rúa inclínase por considerar que se trate dun ramal secundario desta vía, quizais o camiño que unía Lucus co campamento romano da Ciadella, no concello de Sobrado dos Monxes. == Estrutura do edificio == O templo é de planta cadrada, duns 6x6 metros interiores, cunha nave central con bóveda de canón da que só se conservan os comezos, cubertos por pinturas sobre estuco. No centro posúe unha pequena piscina ou estanque, de aproximadamente 3x3 m e de escasa profundidade, con tres columnas ó seu redor. Na fachada ábrese un pequeno adro con dúas columnas in antis. A porta presenta arco de ferradura, o máis antigo da arquitectura galega. Sobre esta edificación foi levantada posteriormente unha segunda planta, actualmente desaparecida salvo un resto da parede e do comezo da bóveda superior. Esta ampliación superior explica que por veces se designe como cripta o templo orixinal. == Pinturas ==…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗