Pazo
Torres do Allo
Zas · A Coruña

O pazo das Torres do Allo é unha construción civil do século XVI de estilo gótico-renacentista, na parroquia do Allo, no concello coruñés de Zas. Foi mandado construír polo fidalgo Gomes de Rioboo Vilardefrancos na primeira metade do século XVI nunha antiga propiedade da familia Rioboo (procedentes de Riobó), no lugar onde se atopaba noutrora unha fortaleza medieval destruída polos Reis Católicos. O seu arquitecto, descoñecido, foi o mesmo que deseñou a fachada do Hospital Real de Santiago de Compostela. Salientan a fachada e as dúas torres. É un dos pazos máis antigos de Galicia. Hoxe o pazo é propiedade da Deputación da Coruña e converteuse en museo visitábel. == Historia == No lugar no que hoxe se atopa o pazo achábanse unha vellas torres medievais do antigo Reino de Galiza destruídas polos Reis Católicos no século XV por crer que o poderoso conde galego atentaba contra a autoridade real. A familia Gomes Rioboo (procedentes do castelo da Torre da Penela, na Penela na freguesía da Silvarredonda, Cabana de Bergantiños), vasala dos condes de Altamira, casa a Gomes de Rioboo Vilardefrancos con Berenguela Sánchez de Altamira e deciden construír unha primeira casa para a familia. Alonso Gomes de Rioboo Vilardefrancos, nado en 1460, fillo da parella, foi o primeiro Señor do Allo. Coas Revoltas Irmandiñas destruíuse, como outras moitas en Galiza, a primitiva fortaleza, polo que a finais do século XV, Alonso Gomes decide erguer un dos primeiros pazos de Galiza. Os traballos encargáronselle a un descoñecido arquitecto da escola de Enrique de Egás, que tamén deseñou a fachada do Hospital Real de Santiago de Compostela, hoxe Hostal dos Reis Católicos. Nun primeiro momento só se erguía a torre da dereita (do século XVI); despois construíuse o corpo principal. No século XVII Antonio de Rioboo casa con María de Seixas, dona do Pazo de Cabanas. A familia posúe logo máis riquezas e o pazo pasa a ser habitado ocasionalmente. O fillo da parella, Gomes de Rioboo Seixas Vilardefrancos, contrúe a segunda torre entre 1669 e 1689, ademais das construcións auxiliares, coma hórreos, muíños, e alpendres. Seica construíu tamén a Fonte de San Ramón, diante dos hórreos. O axardinamento, do que hoxe só fican unhas vellas árbores, data do século XVIII. Os fornos de pedra son dos séculos XIX e XX. No século XIX morou no pazo Víctor López Seoane, naturalista galego, que casou en 1869 coa viúva de Nicolás María Rui-Gomes Rioboo, primeira muller que herdara o pazo. Disque foi Víctor López Seoane a persoa que plantou os plátanos e os carballos que franquean o camiño de acceso ao pazo. A mediados do século XX o pazo cae no abandono. En 1998, coa cuberta derrubada e en parte espoliado, o pazo é adquirido á familia López-Rioboo pola Deputación da Coruña. Dende o século XXI, o edificio acolle o Centro de Información e Recursos Patrimoniais da Costa da Morte, cun museo que representa a vida nos pazos, con utensilios e trebellos da época palaciana, artesanais e etnográficos. A visita é de balde. == Descrición e estilo == Accédese á propiedade por unha rúa franqueada de plátanos e carballos centenarios até unha praza na que se acha a porta de entrada da muralla, no interior só se atopa a vivenda, unha horta e un pomar; prados, piñeirais e hórreos áchanse fóra do recinto amurallado. O pazo, de estilo renacentista e perfectamente restaurado, ten unha planta rectangular con dous andares, posúe dúas torres de planta cadrada con tres andares en ambos os dous extremos. A torre norte é a máis antiga, de finais do século XV, o resto do edificio foi construído na segunda metado do século XVII, mais seguindo todo o conxunto o estilo protorrenacentista da torre máis vella. Os muros son de cantaría de granito e as cubertas de tella árabe.…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- O Alloa 451 mCORUÑA E.A.-FISTERRA · CORUÑA E.A.-CABO FISTERRA · Teatro Colón-Fisterra · CORUÑA E.A.-RONDA DE OUTEIRO-VIMIANZO-MUXÍA
- O Alloa 466 mCORUÑA E.A.-FISTERRA · CORUÑA E.A.-CABO FISTERRA · CORUÑA E.A.-VIMIANZO-MUXÍA
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.