Mosteiro

Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

Xunqueira de Espadanedo · Ourense

Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

O mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo é un mosteiro da orde do Císter situado en Xunqueira de Espadanedo. == Historia == As orixes do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo poderían estar, como gran parte dos mosteiros da Ribeira Sacra, nun cenobio familiar da Alta Idade Media. Este pequeno mosteiro continuouse nunha fundación beneditina baixo a advocación de San Xián. Os reis Fernando II e Afonso VIII dotaron o mosteiro de terras suficientes para a súa subsistencia e, así, Fernando II a mediados do século XII confirmou a xurisdición do mosteiro, o coto, que “limitaba co de Asadur, co de Niñodaguia e coas xurisdicións de Santa Cristina de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas”. A finais do século XII, e amparado polo veciño mosteiro de Montederramo, Xunqueira uniuse á Orde do Císter. Os séculos XII e XIII foron prósperos para Xunqueira de Espadanedo, pois a partir dos privilexios que os reis outorgaron ao mosteiro, e grazas tanto ás doazóns como á economía, os monxes ampliaron o seu patrimonio, o que lles permitiu construír un impresionante templo ao que se encostou o mosteiro románico. O final da Idade Media e comezos da Idade Moderna caracterizouse pola ruína dos cenobios, causada tanto pola relaxación da Regra como polo desgoberno dos abades comendatarios, terribles administradores que esquilmaron o patrimonio do mosteiro. Nese período, o mosteiro perdeu a súa independencia e en 1447 converteuse en priorado de Montederramo ata que en 1546 entrou a formar parte da Orde de Castela, recobrando a súa independencia e iniciando unha nova etapa de esplendor que se reflectiu na construción e reconstrución das dependencias monacais. O final do mosteiro como centro cultural chegou coa desamortización de 1836, iniciándose o seu renacemento o 12 de decembro de 1980, ano en que a súa igrexa foi declarada Monumento histórico-artístico (posteriormente BIC) e a partir da cal o complexo cultural se beneficiou de importantes intervencións. == Arquitectura == Do primitivo mosteiro medieval só queda a igrexa, un interesante exemplo do románico tardío (S. XIII) que caracteriza gran parte da arte cisterciense da provincial. Xunqueira, aínda que presenta os trazos de sinxeleza que caracterizan á orde cisterciense, non responde exactamente ao chamado “Plan Bernardino”. Fronte á planta de cruz latina con cabeceiras cadradas, atopámonos cunha estrutura inspirada na tradición local que, como Xunqueira de Ambía ou Santa Mariña de Augas Santas, opta por planta basilical de tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares, o maior precedido por un tramo recto. As pegadas do románico tardío, xa case gótico, déixanse ver tanto na arquitectura como na escultura dos seus capiteis: respecto da arquitectura, no apuntamento dos arcos e na bóveda oxival do presbiterio; polo que se refire á escultura, a sinxeleza e o esquematismo, característicos do císter, presiden capiteis, altar e pía bautismal. Pero esta sinxeleza ornamental, en ocasións, desaparece, devolvendo ao espazo dos capiteis a súa función orixinal, contar historias. Así pois, xunto aos capiteis vexetais, os mestres de Xunqueira sorpréndennos, tanto con iconografías características do románico (Leóns versus dragóns, bubelas, dragóns e sereas paxaro descritos nos Bestiarios medievais) como con asombrosas e sorprendentes escenas entre as que destaca o curioso capitel, posiblemente único no mundo, das murallas do Xerusalén Celeste/Apocalíptico.…

Texto da Wikipédia em galego, com licença CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipédiaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar