Área protegida
Parque forestal de Santo André de Comesaña
Vigo · Pontevedra
O parque forestal de Santo André de Comesaña, tamén coñecido como parque da Guieira, da Aguieira ou parque da Fontesanta, é un parque forestal situado na parroquia viguesa de Comesaña. Está situado xunto ao lugar da Aguieira. Ten unha superficie total de 29.200 m² e pertence á comunidade de montes de Santo André de Comesaña. Acondicionouse no ano 2001, e forma parte da ruta GR-53 que atravesa os montes de Vigo pola zona máis alta, desde A Madroa até A Garrida. O parque está atravesado por parte do percorrido do río Lagares, e na súa beira sitúanse varios muíños fluviais. A nivel paisaxístivo, está formado por piñeiral, eucaliptal (entre Comesaña e Coruxo fíxose a primeira plantación desta árbore na zona, en socalcos, á beira do río Pontón e do muíño do Lourenzo; para asegurarlle o rego construíuse unha presa), carballos, castiñeiros, bidueiros e salgueiros. Na parte alta do parque hai penedos graníticos irregulares froito da erosión. Desde os puntos máis altos hai panorámicas da ría e as illas Cíes. Este parque, así coma outros lugares da parroquia, queimáronse na vaga de incendios de outubro de 2017. Unhas das persoas falecidas durante ese incendio foi un veciño desta parroquia, mentres axudaba a apagar o lume.
Texto da Wikipédia em galego, com licença CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗