Monte da Zapateira

Culleredo · A Coruña · 236 m

Monte da Zapateira

A Zapateira é un monte de 235,964 metros de altitude, no límite dos concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo. == Localización == Orixinariamente, o monte da Zapateira correspondíase co espazo máis occidental e elevado da parroquia de Rutis, no concello de Culleredo, que acada unha altitude máxima de 236 metros no punto no que se instalou o vértice xeodésico de Castiñeira. A súa prominencia é moi suave cara ao interior, axiña superada polos 291 metros do Monte das Arcas (1,4 km ao oeste), os 274 metros no lugar de Folgueira (1,7 km ao suroeste) e os 247 metros de Arteaga (1,4 quilómetros ao sur). Emporiso, os Altos da Zapateira destacan por constituíren a primeira planicie tras unha suba continuada tanto dende o val de Vilaboa a través da fraga do No (hoxe atravesada pola AC-14) coma dende Elviña. Así mesmo, A Zapateira tamén separa a conca do rego do Castro da do rego de Trabe, que flúen cara á ría do Burgo. Malia non ser a cota máis alta dentro da área delimitada pola isoliña dos 200 metros na que se atopa, actualmente o orónimo da Zapateira estendeuse a unha zona que supera o monte en senso estrito. Así, no concello da Coruña, toda a zona residencial que fica por riba do lugar de Penarredonda coñécese como A Zapateira, incluíndo os lugares das Revoltas e O Escorial. Do mesmo xeito, o conxunto de edificios da Universidade da Coruña que se atopan a máis altura coñécense como Campus da Zapateira. Nesa mesma beira esquerda do rego do Castro, xa no concello de Culleredo, A Zapateira dá nome á estrada que baixa a carón dos terreos do Sporting Club Casino dende a avenida de Nova York ata o segundo dos túneles da AC-14 que furan a ladeira do Penasquedo, xunto ao colexio Rías Altas. O club de golf da Coruña, coñecido como o campo da Zapateira, esténdese en realidade pola aba sur do Monte das Arcas cara a Arteixo, concello que topograficamente non chega a tocar vertente ningunha da Zapateira. Secasí, a parroquia de Morás conta cun lugar chamado A Zapateira, alén dos tradicionais núcleos do Monte das Arcas e A Xesteira, onde se sitúa a urbanización Montegolf. == Historia == No monte da Zapateira descubriuse un campo de mámoas e restos megalíticos do ano 3000 antes da era actual. A necrópole constaba de 33 mámoas catalogadas nunha zona de chaira duns 2,5 km ao longo da crista dun cordal que discorre de leste a oeste dende Vilaboa-Rutis ata Uxes. A zona estaba delimitada ao sur polo rego de Trabe e ao norte polo rego do Castro (afluente do Trabe). Este camiño empregouse ata o século XIX como camiño de carro. Actualmente, unha parte del permanece como pista forestal e boa parte do mesmo atravesaba polo actual campo de golf da Zapateira. Pola metade deste camiño funerario atravesaba outro transversalmente que ía dende o castro de Elviña ata o monte Xalo. As 33 mámoas estaban agrupadas por zonas: Fonte do Ouro, 10. Leira do Cachafeiro, 4. Montes da Zapateira, 4. Leira de Folla (hoxe campo de golf da Zapateira), 5. O Monte das Arcas, 3. Monte de Orro, 2. Monte Aberto (preto do castro de Elviña), 3. Monte de Cambás, 2. As mámoas de menor tamaño medían uns 10 metros de diámetro, mentres que a maior, 35 metros de diámetro e 5 metros de alto. As escavacións comezáronse en 1935 pola iniciativa de varios membros da sociedade Amantes del Campo, entre os que estaban Francisco Vales Villamarín, Inocencio Pardo Aburto, Enrique Monteagudo García, Manuel Insua e Luís Monteagudo. Xa entón tódalas mámoas foran espoliadas para reutilizar as pedras. En 1976 escavouse a última delas, situada dentro do campo de Golf. Fora empregada en 1972 como saída do burato 1 e en 1974 pasou a ser a saída do burato 3. A escavación de urxencia foi dirixida por Luís Monteagudo antes da súa destrución. == Lugar residencial == Situada no límite do concello da Coruña e cunhas comunicacións por estrada un tanto precarias, A Zapateira tívose durante moito tempo por un lugar afastado da cidade malia estar relativamente preto da súa principal estrada de acceso, a avenida do Alcalde Alfonso Molina, que liga coa Autoestrada do Atlántico.…

维基百科加利西亚语词条,采用 CC BY-SA 许可。 阅读完整条目 ↗

在地图上查看在维基百科阅读路线

附近