Capilla

Capilla del Nazareno

Pontevedra · 1400

Capilla del Nazareno

A Capela do Nazareno é un edificio relixioso de culto católico, coa categoría de capela, situado no casco antigo da cidade de Pontevedra, na rúa Duque de Tetuán, en fronte do Teatro Principal. == Historia == A capela ten as súas orixes no século XIV. Crese que pertenceu á igrexa parroquial de San Bartolomeu o Vello, que estaba neste lugar, ocupando o espazo do actual Teatro Principal. Outra teoría é que podería pertencer ao pazo dos Mendiño, xa que a torre medieval estaba situada xusto á beira. Na construción aínda hoxe nótanse os grandes perpiaños da vella torre. Do outro lado da capela abríase unha rúa, hoxe tapiada por unha casa con balcón. A capela existente nos seus inicios neste lugar no século XIV denominábase Capela das Emparedadas. Era chamada así por recluírse nela algunhas devotas que tras a súa entrada selaban a porta con tapias salvo unha pequena rañura pola que se lle administraban os sacramentos e os alimentos. Esa rúa xa recibía segundo o profesor Xosé Filgueira Valverde a denominación de rúa das Emparedadas a mediados do século XIII. O culto a Xesús Nazareno conta con máis de 100 anos de historia na cidade de Pontevedra. Non se coñece exactamente o momento no que empezou, pero a principios do século XX a rúa Duque de Tetuán na que se localiza a capela chamábase rúa de Xesús Nazareno e a capela xa recibía entón miles de devotos. == Descrición == A capela, que se cre que foi a antiga sancristía do desaparecido templo de San Bartolomeu O Vello, xa foi citada varias veces a finais da Idade Media como unha pequena construción que tiña na súa fachada unha pequena imaxe en pedra da Virxe. É unha capela de pequenas dimensións e está encostada a outras construcións polas paredes testeiras. Os muros son de perpiaño de granito e a cuberta de madeira e tella galega. A porta de acceso, situada no lateral sur, é de arco rebaixado. Con posterioridade labráronse orelleiras inferiores e superiores para adaptala á moda barroca, pois a capela é de orixe medieval. Á beira da porta hai unha troneira. A capela ten embutida na súa fachada unha pequena imaxe en pedra da Virxe. Conta cunha gran devoción e é moi visitada o día do Nazareno para pedirlle as tres grazas: saúde, traballo e amor. O primeiro venres de marzo é o único día en que se abre esta capela. O resto do ano só pódese invocar ao Nazareno desde o exterior, a través da porta enreixada. No interior atópase un retablo barroco cego de tres partes, estando no centro a imaxe de Xesús Nazareno e nas laterais dúas imaxes da Virxe do Neno. Tamén hai unha imaxe da Virxe das Dores. A imaxe do Nazareno a cuxo culto está dedicada procede de Madrid. Nos conventos de San Francisco e Santa Clara da cidade tamén se gardan imaxes do Nazareno que se veneran en Pontevedra. == Notas == == Véxase tamén == === Bibliografía === Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 70. ISBN 978-84-03-50934-4. Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 288. ISBN 978-84-8457-327-2. Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 28. ISBN 9788482890852. === Outros artigos === Arquitectura do Barroco Xesús de Nazaret === Ligazóns externas === Capela do Nazareno na web de Turismo Rías Baixas Arquivado 21 de xaneiro de 2025 en Wayback Machine. Capela do Nazareno na web Cityplan Arquivado 10 de novembro de 2022 en Wayback Machine.

Texto de Wikipedia en gallego, con licencia CC BY-SA. Ver el artículo completo ↗

Ver en el mapaLeer en WikipediaCómo llegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Al lado de este lugar