Dolmen

Dolmen de Dombate

Cabana de Bergantiños · A Coruña

Dolmen de Dombate

O dolmen de Dombate (catálogo da Xunta GA15014004) é un monumento megalítico situado no lugar de Dombate na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), na comarca de Bergantiños. Construíuse na primeira metade do IV milenio a. C. e a cámara a finais dese mesmo milenio. Foi usado en diferentes épocas e evidenciouse un uso que vai dende o ano 3.800 a.C. ata o 2.700 a.C., momento no que se clausura o monumento. Este dolmen catalógase como unha tumba de corredor e é un dos conxuntos máis importantes de Galicia. Preto del atópanse outros monumentos coñecidos pola existencia de arte parietal: o dolmen de Pedra Cuberta e a Pedra da Arca. Segundo o experto Xosé María Bello Diéguez, a concentración de dolmens deste tipo na Costa da Morte puido deberse a que estaban relacionados coa riqueza cultural da zona, como na Idade Media estábano as catedrais. No século XIX o historiador Manuel Murguía xa escribe sobre o dolmen, e no ano 1885 o poeta Eduardo Pondal inmortalizouno nun poema en Queixumes dos pinos: Este dolmen é lugar de paso da ruta de sendeirismo da Costa da Morte na súa terceira etapa do camiño dos Faros. == Descrición == Foi escavado polo arqueólogo Xosé María Bello entre 1987 e 1989. O túmulo, ou mámoa, ten uns 24 m de diámetro e 1,80 m de altura. Consta dunha camada de terra escura recuberta parcialmente por unha coiraza pétrea, formada por pedras planas depositadas horizontalmente que marcan o perímetro, e pedras ben trabadas no interior. Sospéitase que orixinalmente o túmulo recubría até á altura do corredor e que a anta ficaba á vista. A anta consiste nunha cámara poligonal ancha formada por sete ortóstatos, un dos cales mide 4,64 x 3 m, e un corredor de tres tramos, ben diferenciado en planta e en sección. A entrada estaba pechada cunha lousa vertical recuberta de pedras. Entre algúns ortóstatos colocáronse lousas alongadas polo exterior para contribuír a fechar o oco. As gabias de sustentación atinxen profundidades de 140 cm na cámara e 70 cm no corredor. Baixo o túmulo coñecido existiu un megálito anterior no tempo, de menor tamaño e complexidade, consistente nunha cámara simple, alongada e aberta, composta por nove ortóstatos e dimensións de 240 x 190 cm. O seu túmulo tiña 10,5 m de diámetro e estaba cuberto por unha coiraza dunha soa camada de pedras. Os ortóstatos da cámara conteñen gravados. Todas as lousas, tanto na cámara como no corredor, contan con pintura. Esta distribúese en dous rexistros horizontais separados por unha banda vermella de puntos vermellos e negros, sendo o conxunto unha composición na que prima a xeometricidade (zigzag, bandas verticais e oblicuas, ondulados, retículas etc.). A cor vermella obtíñase a partir de óxido de ferro e a negra a partir de carbón vexetal, posiblemente aplicados sobre unha imprimación branca a partir dalgún tipo de graxa mesturada con caolín. Tamén se atoparon unha fileira de ídolos, vinte en total, colocados fronte ao corredor e no límite do túmulo e un notable enxoval lítico e cerámico. Nas escavacións de 2009 atopouse ao seu lado restos dun foxo que se interpreta como as defensas dun poboado da Idade de Bronce (momento no cal se pechou o túmulo). No ano 2009 tamén se descubriu que a cámara dispoñía dunha drenaxe que fai sospeitar que desde o comezo sufría de inundacións de auga. == Ocupación == Os estudos sobre o dolmen de Dombate fan pensar que foi ocupado en catro momentos diferentes: Momento 1, que corresponde co da súa creación, e que se produciu entre o 3800 e o 3600 a.C. Durante a segunda metade do IV milenio a. C. e os dous primeiros terzos do III só se ergueron dolmens de corredor. Momento 2, arredor do 3000 a.C., durante o que se preparou e utilizou por vez primeira a área de acceso. Momento 3, arredor do 2700 a.C., cando se fechou finalmente o corredor e rematou o seu uso ritual. Momento 4, posibelmente coincidente co momento de apoxeo do fenómeno do vaso campaniforme, durante o que se violou por vez primeira. Posteriormente construíuse un poboado, xa na Idade de Bronce, xunto ó dolmen en desuso. == Conservación e musealización ==…

Texto de Wikipedia en gallego, con licencia CC BY-SA. Ver el artículo completo ↗

Ver en el mapaLeer en WikipediaCómo llegar

Al lado de este lugar