Praza e alameda
Alameda da Praza de Compostela
Vigo · Pontevedra · 16 m
Foto: HombreDHojalata · CC BY-SA 4.0 · Wikimedia Commons ↗
A alameda da praza de Compostela é un parque-xardín da cidade de Vigo, situado na praza do mesmo nome, unha zona comercial e de servizos á beira do porto e da cidade vella. É un xardín urbano de deseño formal, con árbores aliñadas, esculturas e fontes. Ocupa unha superficie duns 9.000 metros cadrados.
Historia e deseño
Os xardíns históricos da praza de Compostela créanse a finais do século XIX sobre dun recheo gañado ao mar, e constituíndo o primeiro xardín público urbano da cidade. O lugar para crear o parque fixo que o concello de Vigo entrase en conflito coa empresa Empresa de los Muelles y Terrenos del Puerto de Vigo, que asumira o recheo entre o peirao da Laxe e a prolongación da rúa do Ramal (hoxe rúa de Colón). O preito remata en 1877, cando finalmente se ceden os terreos da 'Nova Poboación' ao concello. O deseño do parque foi variando ao longo dos anos. Na súa orixe, era un xardín con forma de rectángulo cuxo lado maior estaba orientado á liña da beiramar; nel unicamente había un conxunto de árbores, 56 álamos brancos, de aí o nome de alameda. A configuración actual comeza a se consolidar a partir de 1928; está formada por un gran corredor central con parterres laterais e unha gran fonte central, con xogos de auga e luces, así como diferentes esculturas distribuídas ao longo do parque. Hoxe a alameda é un pulmón no corazón da vila, unha zona parcialmente peonil con importantes edificios históricos e ateigada de cafetarías, hoteis e locais de lecer nocturno. É tamén unha das zonas inmobiliarias máis caras da cidade olívica.[Cómpre referencia]
Patrimonio natural
Os xardíns da alameda non contan actualmente con lamigueiros (álamos). Cómpre salientar porén a riqueza e valor botánico dalgunhas árbores, moitas delas centenarias. Abundan as árbores caducifolias, coma os castiñeiros das bruxas, tamén hai numerosas camelias, magnolias, teixos, araucarias e piñeiros. As sebes dos parterres son de buxo e evónimo. Abundan as flores de tempada como tulipáns, cáncaros e pensamentos. É polo xeral un xardín sombrizo. O piñeiro de Australia (Casuarina equisetifolia) que se atopa cara a zona final da alameda, preto do Areal, figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia pola súa monumentalidade.
Outros xardíns achegados
A seguir da Alameda están os xardíns de Eijo Garay, no mesmo Areal, con pérgolas de roseiras rubideiras e palmeiras.
Patrimonio artístico
Escultura
As esculturas do parque son obra de Camilo Nogueira Martínez e José Luis Medina. As esculturas de Camilo Nogueira son, entre outras: “Maternidade”: figura dunha nai que sostén un neno no colo apoiado no ombro esquerdo. “Paz”: esvelta figura feminina que xoga cunhas pombas sobre a súa cabeza. “Despedida”: unha nai cos seus dous fillos. As obras de José Luis Medina son de tipo animal, en granito, e así atopamos a escultura dunha hiena, un cisne ou un caracol. No centro dos xardíns atópase a estatua de Casto Méndez Núñez, obra do escultor Agustí Querol, construída en bronce. Méndez Núñez foi un mariño vigués que tivo baixo o seu mando a fragata Numancia, o primeiro acoirazado que deu a volta ao mundo.
Arquitectura
Entre as edificacións senlleiras que teñen fachada á praza de Compostela están a Casa de Prudencio Nandín (1892 e 1900) de Jenaro de la Fuente Domínguez, a Casa Yáñez (1900) de Michel Pacewicz, a Casa de Correos e Telégrafos (1920-1929) de Manuel Gómez Román ou o Edificio Iglesias Curty (1940) de Jenaro de la Fuente Álvarez.
Eventos
Na Alameda da praza de Compostela celébranse periodicamente as feiras do libro novo e do libro usado.
Galería de imaxes
Outros artigos
Parques de Vigo
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Datos
Que é Parque · Alameda
Altitude 16 m
Vila máis próxima Vigo, a 334 m
Camiño de Santiago Caminho Português de Santiago, a 1,5 km
No concello viven 295.735 (2025) · IGE
Chegar en bus
- Colóna 262 mSan Esteban-Bouzas · San Esteban-Bouzas
- Colóna 274 mSan Esteban-Bouzas · San Esteban-Bouzas
- Praza Porta do Sola 363 mSantiago (por San Lázaro)-Pontevedra-Vigo (por AP-9)(X)
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.