Cabo e punta

Cabo Fisterra

Fisterra · A Coruña

Cabo Fisterra

O cabo Fisterra é unha península rochosa de granito que se atopa no concello coruñés de Fisterra en plena Costa da Morte, en Galicia. Na época romana críase que era a fin do mundo coñecido. O nome Fisterra, ó igual que o Finistère na Bretaña, deriva do latín finis terrae, que quere dicir "fin da terra". Existe a crenza popular de que é o punto máis occidental da Península Ibérica. Porén, o cabo da Roca de Portugal está 16,5 quilómetros máis ó oeste e tamén é o punto máis occidental da Europa continental. Mesmo o cabo Touriñán está situado máis ó oeste, sendo o punto máis occidental de Galicia. Monte Facho é o nome da montaña do cabo Fisterra, cuxo cumio se atopa a 238 metros por riba do nivel do mar. O faro de Fisterra atópase no máis alto do monte Facho. == Xeografía == O cabo Fisterra ten varias praias, incluíndo O Rostro, Arnela, Mar de Fóra, Langosteira, Riveira e Corbeiro. Moitas das praias están enmarcadas por empinados cantís que conducen ó Mare Tenebrosum (ou mar escuro, é dicir o nome do Atlántico na Idade Media). Existen varias rochas na área que están asociadas con lendas relixiosas, como as "pedras sagradas", as "pedras manchadas de viño", a "cadeira de pedra" e a tumba da deusa-bruxa celta Orcabella. == Historia == Os ártabros foron unha antiga tribo galaica que habitou na área na antigüidade. Dende o cabo Fisterra, os fenicios tiñan unha ruta de comercio marítimo coa illas Británicas durante a Idade de Bronce, se cadra cara ó monte Batten. O faro foi construído en 1853. A torre do faro, feita de cantaría, é de base octogonal, e acaba nunha cornixa sobre a que se apoia a balconada. Encima está a bóveda, cunha lanterna poligonal. A torre mide 17 metros e a súa luz, situada a 143 metros sobre o nivel do mar, acada máis das 30 millas náuticas. A constante néboa do inverno provocou que se lle engadise unha sirena en 1888, a Vaca de Fisterra, para avisar aos navegantes do perigo existente. Aínda así, foi escenario de naufraxios, como en 1870, cando o Monitor Captain se afundiu levando 482 persoas da súa tripulación no suceso máis lutuoso desta costa. === Batallas do cabo Fisterra === Nesta zona houbo tres batallas navais entre o Reino Unido e Francia: A primeira batalla do cabo Fisterra tivo lugar o 14 de maio de 1747, durante a guerra de sucesión austríaca. Foi unha vitoria para a frota británica baixo o mando do almirante George Anson. A segunda batalla do cabo Fisterra tivo lugar o 25 de outubro de 1747, e tamén foi unha vitoria decisiva para a frota británica, baixo o mando do almirante Edward Hawke. A terceira batalla do cabo Fisterra tivo lugar o 22 de xullo de 1805, durante a guerra da terceira coalición das guerras napoleónicas. Foi un encontro pouco concluínte entre unha frota británica ás ordes do vicealmirante Robert Calder e unha frota hispano-francesa mandada polo almirante Pierre Charles Silvestre de Villeneuve. == Peregrinación == O cabo Fisterra é o destino final para moitos peregrinos do Camiño de Santiago, a vía de peregrinación ó santuario do apóstolo Santiago na catedral de Santiago de Compostela. O cabo Fisterra atópase a unha distancia duns 90 km dende Santiago de Compostela. Existe unha tradición recente de queimar a roupa ou as botas ó final do camiño no cabo. A orixe da peregrinación a Fisterra non está clara. Porén, crese que data da época precristiá e pode estar asociada ó status de Fisterra como "final do mundo". A tradición continuou durante a época medieval, cando se comezaron a estabelecer albergues para atender os peregrinos ó longo da ruta dende Santiago de Compostela até Fisterra. Algúns peregrinos continúan o camiño ata Muxía, a un día de marcha máis lonxe. == Crenzas precristiás == Na área hai moitos lugares sagrados precristiáns. Había un "Ara Soli" no cabo Fisterra, onde os celtas celebraban cultos de adoración ó sol e rituais variados.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Para ir

Cadeira de rodas Non

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar