Capela e ermida

Capela de San Miguel de Celanova

Celanova · Ourense · 0942

Capela de San Miguel de Celanova, capela e ermida en Celanova

Foto: Dirkvde · CC BY-SA 3.0 · Wikimedia Commons ↗

A capela de San Miguel de Celanova é unha construción prerrománica de estilo mozárabe, ou de repoboación, a carón do mosteiro de San Salvador de Celanova. Foi declarada Monumento Nacional en 1923.

Descrición

Da época da fundación do mosteiro só resta, na horta, esta pequena capela prerrománica de influencia mozárabe consagrada a San Miguel (coñecida como Capela de San Miguel), única no seu estilo en Galicia. Foi construída entre os anos 937 e 942 e ergueuna San Rosendo como santuario-oratorio e hospedería para peregrinos dedicado ao seu irmán o conde Froilán Gutiérrez, creador do mosteiro de San Salvador, nas proximidades. O material é perpiaño granítico de gran calidade. O templo consta de tres espazos que están delimitados por arcos de ferradura: a nave ou vestíbulo, o espazo central e a ábsida. O primeiro, presenta unha entrada lateral e sobre o lintel aparece unha inscrición en latín, na que se menciona ao conde Froilán. Está cuberta, interiormente, por unha bóveda de canón e o seu muro refórzase con contrafortes e, exteriormente, está cuberto por un tellado a dúas augas. Tamén contén unha pequena fiestra cun arco de ferradura. O corpo central, ou cruceiro, tamén leva contrafortes no muro exterior, tellado a catro augas que se apoia sobre unha cornixa decorada con modillóns ou canzorros de rolos con baixorrelevos nos que alternan espirais e rosetas de seis pétalos, semellantes aos de Santiago de Peñalba (León). Interiormente, garda unha bóveda de arestas que se apoia sobre arcos de ferradura que caen sobre canzorros lobulados. A ábsida está cuberta por un tellado a dúas augas e a menor altura có primeiro corpo. Interiormente ten unha planta case circular, moi pequena, de 1,35 m de diámetro, separada do resto da construción por un arco de ferradura enmarcado por un alfiz, e está cuberto por unha cúpula galonada. A orientación, cara ao leste, está pensada para que o sol nacente atravese, nos equinocios, as fiestras do corpo central. O investigador da Universidade de Vigo Roberto Vázquez Rozas defende que a capela foi construída segundo as proporcións matemáticas de Euclides. O módulo central ten 3,836 metros de longo, o duplo da lonxitude do rectángulo da ábsida (1,915 m x 2,31 de ancho). Estas proporcións están relacionadas coas medidas árabes, que posiblemente determinaron o tamaño da edificación. Así, na capela aparece a relación de proporción de 6, 9 e 12 pés árabes na ábsida, a nave e o espazo cadrado central. Isto responde aos principios da sección áurea expostos por Euclides cara ao século III a. C. Pola súa parte o escritor e enxeñeiro celanovés Xosé Benito Reza Rodríguez sinala na súa obra sobre a capela que a súa xeometría é o resultado de aplicar un módulo equivalente ao diámetro da ábsida (1,35 m), tanto en planta como en alzado; sendo este módulo igual á diagonal dun cadrado de 3 pés árabes de lado ou 3√2.

Galería de imaxes

Outros artigos

Mosteiro de San Salvador de Celanova

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Que é Capela

Estilo Arquitectura prerrománica

Dedicado a Arcanxo Miguel

Protección Ben de Interese Cultural

Altitude do punto ≈ 524 m · Terrain Tiles

Vila máis próxima Celanova, a 133 m

Ruta que pasa preto Camiño Natural de San Rosendo, a 83 m

No concello viven 5.695 (2025) · IGE

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar