Cruceiro
Cruceiro de Piquetes
Gondomar · Pontevedra

O cruceiro de Piquetes é un cruceiro situado no lugar de Piquetes, na encrucillada do camiño Real Tui-Baiona co camiño de Cristillón que leva ao cemiterio de Mañufe. Antigamente foi lugar de culto e procesión da festividade de San Brais. Esta partía da capela do Pazo de Moldes cara a este cruceiro onde daba volta e retornaba ao templo. Non ten data de creación acreditada documentalmente, mais os estudos da súa fábrica polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso a fan estimar sobre o século XVII. No estudo desta peza por Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, tampouco constata data de construción, mais coincide en que se trata dun cruceiro "primitivo". Cumpre coa fisionomía típica do cruceiro: plataforma, base, fuste, capitel e cruz. == Dimensións == A plataforma mide 0,20 m de alto, 0,30 m o pedestal, e fuste e cruz suman 2,50 metros; o que o sitúa por debaixo da media dos da comarca do Val Miñor situada entre 4 e 6 metros segundo José Espinosa Rodríguez. == Arte == A plataforma consta de tres banzos de pedra que nivelan a peza sobre o terreo. Eríxese sobre esta base o varal onde o traballo de cantería o tallou en tres terzos dunha soa peza: primeiro cuadrangular, logo octogonal e finalmente cilíndrico. O capitel liso forma parte da mesma peza do fuste. Finalmente, a cruz presenta un cristo baixo cartel INRI, na cara que mira ao oeste. No reverso unha virxe das Angustias coa cabeza do meniño Xesús á súa dereita con trazos bastante sinxelos. As tipoloxías das figuracións na cruz, moi pegadas aos paus e sen perspectivas, o baixo vulto, trazos apenas marcados e as dimensións e o tipo de capitel dan pé á datación sobre o século XVII de Soliño Troncoso e ao seu carácter primitivo segundo Fernández de la Cigoña Núñez. Para Soliño Troncoso, trátase dunha notable peza que representa "as máis xenuínas manifestacións da cultura popular do campesiñado galego". == Conservación == A peza atópase en bo estado para os especialistas citados, máis Soliño Troncoso advirte da situación caótica da contorna, que arrodea o monumento de postes e tendidos eléctricos. O cruceiro atópase catalogado pola Xunta de Galicia e máis nos documentos do futuro Plan Xeral de Ordenamento de Gondomar. Na actualidade o ben non cumpre a antiga función relixiosa pois a celebración de San Brais trasladouse ao contorno da Igrexa de Mañufe. == Notas ==
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- Piquetes (cruzamento)a 5 mCEIP Chano Piñeiro-Gondomar E.A.-Piquetes · CEIP Chano Piñeiro-Gondomar E.A.-Piquetes
- PIQUETES Ia 7 mIES Auga da Laxe-Gondomar E.A.-Nande · IES Auga da Laxe-Gondomar E.A.-Nande
- PIQUETESa 144 mCEIP Chano Piñeiro-Gondomar E.A.-Piquetes · CEIP Chano Piñeiro-Gondomar E.A.-Piquetes
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.