Igrexa

Igrexa de San Miguel de Bouzas

Vigo · Pontevedra

Igrexa de San Miguel de Bouzas, igrexa en Vigo

Foto: HombreDHojalata · CC BY-SA 3.0 · Wikimedia Commons ↗

A Igrexa de San Miguel de Bouzas é un templo cristián ergueito na segunda metade do século XVI e reedificado no século XVII que se atopa na vila de Bouzas (hoxe pertencente ao concello de Vigo) á beira da praia (antigamente nunha pequena península que entraba no mar, hoxe perdido co recheo). A poucos metros atópase unha pérgola deseñada por Jenaro de la Fuente Álvarez.

Descrición

Trátase dun edificio feito en cantaría de perpiaños graníticos galegos cunha planta rectangular e cunha ábsida semicircular e cuberta a dúas augas. A torre-campanario sitúase a un lado da fachada. No exterior aparece o escudo de armas da familia Peña e da familia Correa, e precisamente foi o capitán Álvaro Correa, o que a mandou construír a igrexa en 1596. Tamén aparece nun dos laterais unha fornela coa imaxe do San Miguel. A porta de entrada arránxase cun arco de volta perfecta e un frontón triangular rematado con tres pináculos. Por riba da porta o muro posúe un van en forma de óculo que permite a entrada de luz no interior do templo. O interior é simple, e salientan as imaxes do Cristo dos Aflixidos ou do Paso da pesca milagreira.

Historia

Disque xa existía unha capela no lugar no ano 1371, cando Henrique II de Trastámara, concedeu o privilexio sobre Bouzas, á mitra de Tui. Existen tamén documentos dos anos 1400 do cabido de Tui que se trasladou a Bouzas por mor da peste. Xa no século XVI a poboación de Bouzas medrara moito, porén para asistir aos actos relixiosos tiñan que se trasladar á parroquia de San Martiño de Coia. É cando no ano 1542, estes suxestiónanlle ao prelado Diego Muñoz de contruír unha igrexa con cemiterio baixo a advocación de San Miguel. En 1589 os corsarios ingleses, capitaneados por Francis Drake arrasan Lisboa, Vigo e Bouzas, destruíndo totalmente a igrexa. En 1596, o capitán Álvaro Correa ordena a súa reconstrución na zona do Cruceiro Vello, unha pequena península á beira da praia. Desta igrexa aínda hoxe podemos ollar a ábsida, a sancristía, a primeira arcada e a entrada lateral. No século XVII a igrexa foi bombardeada dende o mar en varias ocasións por navíos estranxeiros. Reedifícase en 1697 por Manuel Troncoso de Ojea e a súa irmá Isabel; no interior aínda se pode ollar un medallón que referencia este feito A igrexa tamén gardou parte dos tesouros da Batalla de Rande. Neste percorrer dos séculos foi agrandándose e modificándose, mais a estrutura principal segue sendo a orixinal do século XVI.

Galería de imaxes

Outros artigos

Arquitectura románica en Galicia Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Miguel

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Dedicado a Arcanxo Miguel

Altitude do punto ≈ 6 m · Terrain Tiles

Vila máis próxima Vigo, a 2,7 km

Camiño de Santiago Caminho Português de Santiago, a 2,2 km

No concello viven 295.735 (2025) · IGE

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar