Igrexa

Igrexa de San Pedro do Castro de Laza

Laza · Ourense

Igrexa de San Pedro do Castro de Laza

A igrexa de San Pedro é a igrexa da parroquia do Castro de Laza, do concello de ourensán de Laza, na comarca de Verín. == Descrición == Aínda que o edificio é orixinalmente do século XVI, foi reconstruído entre 1635 e 1795 en estilo barroco. Trátase dunha igrexa dunha soa nave a dúas augas. A capela maior, pouco máis ancha que a nave e de maior altura, sepárase dela mediante un arco triunfal con artesoado a catro augas. A fachada ten un lintel cunha inscrición coa data de remate da construción, 1795. Unha fornela acolle unha estatua sedente de San Pedro, de estilo neoclásico. O frontón remata nunha espadana de tipo popular con dous arcos e cadansúa campá. Nas catro esquinas do edificio levántanse senllos pináculos. No interior consérvase unha pía bautismal baixomedieval, pero o elemento que destaca é o retablo barroco sobre o altar maior, que é obra de catro escultores diferentes. A última fase foi realizada por frei Pedro Pascual García, entre os anos 1750 e 1755. Da súa man son as figuras de Adán e Eva e San Pedro. O retablo consta de sete rúas, coas esculturas de Adán e Eva nos extremos. No corpo principal ábrese unha fornela que estaba destinada para acoller o sagrario, pero en 1968 colocouse un Cristo crucificado, que finalmente foi substituído por un calvario barroco procedente da sancristía. Deste xeito, as imaxes que actualmente ocupan as fornelas -de esquerda a dereita- son as seguintes: San Pedro, San Xosé, San Brais, o calvario, a Virxe do Rosario, a Inmaculada e San Paulo. Outras figuras do retablo son San Francisco e Santa Bárbara e, na parte superior, San Pedro sedente cos atributos papais, San Pedro en pé cunha gran chave e mais un libro, e Santiago na súa iconografía de peregrino. No transcurso das obras de restauración realizadas en 2009, atopouse o sagrario orixinal da igrexa, do século XVII, arrombado nunha corte da casa reitoral, que foi restaurado e recolocado no retablo. == Notas ==

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar