Igrexa

Igrexa de Santo Antoíño de Baíñas

Baíñas · Vimianzo · A Coruña

Igrexa de Santo Antoíño de Baíñas, igrexa en Vimianzo

Foto: José Antonio Gil Martínez from Vigo, Spain · CC BY 2.0 · Wikimedia Commons ↗

A igrexa parroquial de Santo Antoíño de Baíñas é un templo de culto católico romano, situado na capital da parroquia de Baíñas (Vimianzo).

Historia

Formaba parte nas súas orixes dun antigo mosteiro da Idade Media, reducido a priorado a finais do século XV. Dependente do mosteiro bieito de San Martiño Pinario, o seu desmantelamento puido deberse á Desamortización de 1836.

Descrición

Conserva aínda aspectos da súa orixe medieval, de comezos do século XIII, e representa o esquema tipo do románico rural: nave única e ábsida rectangular, mantendo na parte inferior a bancada que ocupaban os monxes do priorado nas liturxias e cuberta con bóveda de canón apuntada. Os arcos faixón, igualmente apuntados, apoian sobre semicolumnas con capiteis de formas vexetais esquemáticas. Un axadrezado enmarca o arco triunfal. A nave única estaba cuberta nos comezos por unha armazón de madeira ata que as tropas francesas lle prenderan lume en 1809. Fóra, destacan os canzorros do tellado, con formas vexetais e humanas, estas últimas a representar vicios e/ou pecados. A porta lateral do muro norte -hoxe tapiada- presenta no seu tímpano un relevo, de feitura basta, de orixe igualmente medieval: un home monta sobre unha besta, que podería representar a san Martiño no momento en que parte a súa capa para lla dar a un pobre. Tamén fican desta época os contrafortes graduados e dispostos anarquicamente, articulación mural que se dá tanto na capela maior, para soportar a bóveda que cobre o interior, como no muro sur. A sacristía e a fachada principal son posteriores: datadas en 1802, a fachada tería sufrido danos en 1853 por un temporal que derrubou parcialmente a espadana que a coroaba. Na última década do século XIX o canteiro Manuel Muíños construíu o campanario que culmina a fachada actual. Unhas reformas en 1967 fixeron desaparecer o retablo maior e o lateral de san Brais, aínda que se conservaron algunhas das imaxes como a do patrón santo Antoíño cos atributos de diácono, obra barroca de finais do século XVIII, igual cá imaxe de san Bieito, co hábito negro tradicional da regra (mitra ao pé e un corvo cun pan). Barrocos e de mediados do século XVIII son un san Brais (vestido de bispo e man na gorxa) e un san Roque (de peregrino co can). De comezos do século XIX consérvase unha Inmaculada.

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Altitude do punto ≈ 307 m · Terrain Tiles

Vila máis próxima Vimianzo, a 9,1 km

No concello viven 6.754 (2025) · IGE

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar