Monte e serra

Monte Aloia

Rebordáns · Tui · Pontevedra · 629 m

Monte Aloia, monte e serra en Tui

Foto: Albert galiza · CC BY-SA 3.0 · Wikimedia Commons ↗

O monte Aloia é un cumio situado na serra do Galiñeiro, declarado parque natural o 4 de decembro de 1978 e como zona especial de conservación (ZEC). Está situado no concello pontevedrés de Tui e ten unha extensión de 746 hectáreas. A súa vexetación está caracterizada por especies autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal. Posúe restos da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.

Xeografía e xeoloxía

Orografía

O monte Aloia presenta un relevo accidentado con cotas que oscilan entre os 80 e os 629 metros do alto de San Xiao, desde onde se domina un amplo tramo do río Louro e do río Miño ata a súa desembocadura.

Hidrografía

Está cruzado por varios regueiros entre os que destacan o regueiro das Cabanas, o Deique e o das Tabernas.

Xeoloxía

Os seus solos son ácidos. Son de escasa ou media profundidade e están sobre substrato granítico que aflora con frecuencia orixinando laxas e rochedos, característicos da comarca do Baixo Miño.

Flora e fauna

Flora

É abundante a vexetación arbustiva do toxo, queiruga (Calluna vulgaris), xesta e carpazas. Quedan algúns restos de caducifolio autóctono como carballeiras de carballo común (Quercus robur, árbore dominante antes das repoboacións do século XX), sobreirais (Quercus suber, que indica certa mediterraneidade no clima) e vexetación de ribeira composta por, entre outras, amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea). Tamén é frecuente a presenza de sanguiño (Frangula alnus), bidueiro (Betula alba), castiñeiro (Castanea sativa), acivro (Ilex aquifolium), érbedo (Arbutus unedo), estripeiro (Crataegus monogyna), abruñeiro (Prunus spinosa), pereira brava (Pyrus cordata) e abeleira (Corylus avellana). En 1910 comezou a repoboación do monte con piñeiros —do país (Pinus pinaster), silvestre (Pinus sylvestris) e radiata (Pinus radiata)— e establecéronse masas de árbores exóticas dando lugar a un arboreto de grande interese. O eucalipto (Eucalyptus globulus) tamén foi intoducido en grandes cantidades, constituíndo canda o piñeiro a base arbórea do monte.

Fauna

A máis abondosa é a típica de monte interior: Mamíferos: raposo, coello, ourizo cacho, xeneta, morcego grande de ferradura. Aves: perdiz rubia, miñato común, lagarteiro, avelaiona, verderolo común, pombo torcaz, paporrubio, gaio, ferreiriño bacachís, azor. Anfibios e réptiles: lagarto arnal, tritón verde, saramaganta, lagarta galega, ra patilonga, víbora de Seoane, cobra de colar.

Patrimonio

Patrimonio arqueolóxico

Nel atopáronse restos de Citania, un poboado castrexo anterior á romanización, e outro prehistórico no Alto dos Cubos. Apareceron restos prehistóricos como machadas, muíños de man, ou cerámica. Tamén hai unha muralla ciclópea, de 1250 metros de lonxitude, que circunda a meseta superior. Hai quen atribúe o nome de monte Aloia á presenza da lexión romana V Alaudae. Hai constancia das poboacións tudenses usando o monte Aloia como refuxio en sucesivas invasións como as romanas (e asóciase co monte Medulio de autores latinos), as árabes, as normandas, as francesas e as portuguesas.

Patrimonio relixioso

A capela de San Xián foi reconstruída no 1713 sobre un templo románico. Ocupa o centro dun grande adro do que parte por unha banda unha escalinata de pedra ata a fonte do santo e pola outra, un Vía Crucis que culmina na Gran Cruz de 1910.

Patrimonio civil

No parque hai: Unha casa forestal de 1921 de curioso deseño do enxeñeiro de montes Rafael Areses e un monumento de homenaxe a ese enxeñeiro. Unha nova casa forestal e sede da Xunta Reitora do parque. Unha muralla ciclópea.

Etnografía

Festas

O primeiro domingo de xullo celébrase o xubileu, unha romaría adicada á Virxe das Angustias e que se fai na ermida de San Xián, Pazos de Reis. O primeiro domingo de agosto celébrase a romaría de San Fins, Rebordáns. A imaxe de San Xián é obxecto de devoción na comarca polas súas virtudes taumatúrxicas: obtención de colleitas, curación de enfermidades ou similares. ==== Lendas ====…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Que é Montaña

Altitude 629 m

Vila máis próxima Tui, a 3,8 km

Camiño de Santiago Caminho Português de Santiago, a 2,4 km

No concello viven 17.499 (2025) · IGE

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Ao lado deste lugar