Monte e serra
Monte Faro
Requeixo · Chantada · Lugo · 1181 m · 2004
Foto: Iago Casabiell González · CC BY-SA 4.0 · Wikimedia Commons ↗
O monte Faro, ou Monte do Faro, é, con 1187 metros, o pico máis alto da serra do Faro e un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC). O monte marca o límite de separación natural entre os concellos de Chantada e Rodeiro e dende el poden divisarse as catro provincias galegas.
Flora e fauna
Flora
No espazo hai zonas con queirogais secos e vexetación de trebeiras e brañas como gramías de ciclo anual. Os prados están en solos calcarios, de arxilas ou turbosos. Os bosques son polo xeral de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior e carballeiras de Quercus robur e Quercus pyrenaica.
Fauna
As especies en risco presentes no espazo natural son o invertebrado Lucanus cervus, o anfibio Discoglossus galganoi, os réptiles Chioglossa lusitanica e Lacerta schreiberi, e os mamíferos Barbastella barbastellus, Lutra lutra, Myotis myotis, Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros.
Patrimonio
Etnografía
Romarías
Preto da cima nunha especie de chaira atópase o santuario da Nosa Señora do Faro. Hai dúas Romarías do Faro, a primeira celébrase o día 15 de agosto e, a segunda e principal, o 8 de setembro. Consérvanse dúas imaxes da Virxe do Faro, unha permanece sempre no santuario e a outra na igrexa de Requeixo. Segundo os veciños esta segunda virxe que ten o manto de Inmaculada de cor branca é "filla" da primeira. Esta sobe en procesión o día 7 a visitar a "nai" e o día 9 volve a baixar. Ata o santuario achéganse veciños de toda a comarca movidos pola fe na Virxe de Faro. Os romeiros que se ofrecen soben de xeonllos por unha pendente chamada costa das cruces para pedirlle favores a Nosa Señora do Faro considerada unha das máis milagreiras. Tamén a tradición leva os devotos a non marchar sen levar ou beber auga da fonte milagreira.
Galería de imaxes
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Datos
Que é Montaña · Espazo natural protexido
Extensión 2.999 m²
Altitude 1181 m
Vila máis próxima Chantada, a 10,5 km
Camiño de Santiago Camiño de Inverno, a 656 m
No concello viven 8.149 (2025) · IGE