Mosteiro

Mosteiro de San Cibrán de Cálago

Vilanova de Arousa · Pontevedra · 0700

Mosteiro de San Cibrán de Cálago

O mosteiro de San Cibrán de Cálago foi un mosteiro da Alta Idade Media, derruído e reconstruído en diversos momentos históricos ata rematar desaparecendo a principios do século XX. Hoxe, o único resto que se conserva in situ é unha parte do campanario, que dá nome ó lugar: Campanario. Esta torre está situada no lugar de Cálago, hoxe incluído no centro urbano de Vilanova de Arousa, e aparece representada no escudo do concello, como símbolo de identidade da vila. == Historia == O mosteiro foi fundado no século VII por San Froitoso no contexto da expansión do cristianismo na Idade Media . Nun documento do ano 846 descríbese como xa existente, pois nesa data dóase o mosteiro ó abade Viliato e 16 monxes que obedecían alí a regra de San Bieito. No ano 884 foi arrasado durante os ataques na costa galega dos viquingos normandos, e consta que foi reconstruído. Nun documento do ano 929, Afonso IV de León e Galiza, o Monxe, fai doazón ó abade André e ós monxes do mosteiro dos beneficios dunhas salinas próximas. Foi arrasado de novo no ano 997 polas tropas de Almanzor, na mesma expedición na que chegou a saquear a cidade de Santiago de Compostela e a Basílica construída por Afonso II o Casto no 899. No ano 1114 está documentada na Historia compostellana a doazón que fai Ramiro Muñiz á Catedral compostelá da vila e igrexa de Caleiro (hoxe, unha das parroquias de Vilanova) e do mosteiro de Cálago, así como outras propiedades na actual Comarca do Salnés, o que implica que se tratara dun edificio de nova construción pero mantendo a advocación. Posteriormente, o mosteiro pasou a pertencer á Catedral compostelá e logo a San Martiño Pinario, como priorado. A igrexa mantívose como igrexa parroquial de Vilanova, que aínda hoxe segue tendo a San Cibrán como o seu patrón, ata esmorecer e arruinarse ó longo dos séculos XIX e XX. Cara a 1810 a igrexa parroquial foi trasladada á igrexa da Pastoriza (que se construíu aproveitando pedras do mosteiro de Cálago ) e o vello mosteiro rematou por desaparecer. En Vilanova afírmase que moitas casas se levantaron coas pedras do mosteiro. Pode supoñerse que a conservación da torre obedeceu a constituír un posible punto de vixilancia e defensa costeira ante posibles inimigos que se achegasen á costa, dada a súa proximidade á ría, ou ben para facer sinais de advertencia á outras torres de vixilancia próximas (como as Torres de Oeste, en Catoira, ou a torre que aínda no século XVIII existía na Illa de Arousa). O Padre Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia de 1745, cita esta torre da Illa como derruída había pouco. Cómpre sinalar que na descrición da viaxe que fai Sarmiento cita brevemente o seu paso por Vilanova (px. 60) pero non fai mención do mosteiro de Cálago. Antonio López Ferreiro (1837-1910) escribe que no seu tempo aínda se conservaban en pé algunhas partes da igrexa. O Museo de Pontevedra conserva nos seus fondos dous debuxos de Ramón Fontenla, datados en 1905, dunhas pezas que había na entrada ó cemiterio e da ábsida da igrexa; así como unha fotografía de Francisco Zagala (datada en 1906) da ábsida, xa en ruínas. Suponse que a igrexa se situaba no terreo que hoxe ocupa o cemiterio municipal (a pouco máis de 100 metros ó norte da Torre de Cálago), constando nos rexistros parroquiais canto tiñan que satisfacer os veciños para ser enterrados no interior ou no adro da igrexa. O terreo comprendido entre o cemiterio e a Torre segue baleiro nos primeiros anos do século XXI. == Recuperación ==…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar