Mosteiro

Mosteiro de San Xulián de Samos

Samos · Lugo

Mosteiro de San Xulián de Samos, mosteiro en Samos

Foto: José Antonio Gil Martínez from Vigo, Galicia · CC BY 2.0 · Wikimedia Commons ↗

O mosteiro de San Xulián de Samos, tamén mosteiro de San Xiao de Samos, é un mosteiro medieval fundado no século VI, segundo a tradición por Martiño de Dumio, que chegou a ser un dos de maior importancia de Galicia, e que na actualidade se atopa en bo estado de conservación. Pertence á orde dos beneditinos e está no concello de Samos (provincia de Lugo).

Historia

A súa fundación atribúeselle a Martiño de Dumio. Sábese que foi renovado por Froitoso de Braga no século VII, mais o primeiro escrito que o menciona é do ano 665: unha inscrición nos muros do claustro da portaría que di que foi reconstruído polo bispo de Lugo Ermefredo. Despois desta restauración foi abandonado coa invasión musulmá, até a reconquista do rei Froila I das Asturias (arredor do 760). Cando, anos máis tarde, este foi asasinado, atoparon refuxio nel a súa viúva e o seu fillo, o futuro Afonso II, o Casto. Gañou con isto a protección real, comezando polas propiedades en media milla á redonda, que propiciaría o seu crecemento. A comezos do século X o bispo Ero de Lugo tentou facerse co seu control e expulsou os monxes,[Cómpre referencia] mais no mesmo século foi reocupado a instancias do rei Ordoño II. Desde 960 a comunidade viviu baixo a regra de San Bieito, se ben no século XII durante o bispado de Xoán de Lugo, se sumou á reforma cluniacense.[Cómpre referencia] O mosteiro de Samos desfrutou de grande importancia durante a Idade Media, o que se reflicte en que posuía duascentas vilas e quiñentos lugares. En 1558, incorporado xa a San Benito El Real de Valladolid, sufriu un incendio que obrigou á súa total reedificación. A comunidade foi exclaustrada en 1835, aínda que os monxes beneditinos regresaron en 1880. Sufriu outro incendio en setembro de 1951, tras o que foi reconstruído. Neste mosteiro residiu un tempo o escritor cambadés Ramón Cabanillas, ao que lle dedicou Samos, a súa última obra publicada en vida.

Descrición

Nel atópanse tres estilos arquitectónicos, o gótico tardío, o renacentista e o barroco.

Igrexa

A igrexa, barroca, foi construída entre 1734 e 1748. Ten planta de cruz latina e tres naves. O interior é luminoso e solemne. A bóveda está iluminada por oito óculos e as pinturas dos catro doutores marianos beneditinos (Anselmo, Bernardo, Ildefonso e Ruperto). O retablo maior tamén é clasicista e ten unha imaxe do patrón do mosteiro, San Xulián, obra de Xosé Ferreiro. A fachada, barroca, vai precedida dunha escalinata en forma de lazo que recorda a do Obradoiro. Está dividida en dous corpos, cunha porta flanqueada por catro columnas de orde dórica sobre pedestais, que se repiten no corpo superior flanqueando o óculo. A sancristía, de finais do XVIII, consiste nunha bóveda de planta octogonal apoiada en arcos de medio punto. A biblioteca, de 31 m. de longo, conta cun fondo de 25.000 volumes.

Claustros

Ten dous claustros. O Claustro Grande foi construído entre 1685 e 1689 e ten 3.000 m² (54 m de lado), polo que é o maior de España. Coñécese como "do padre Feijoo", por tomar este o hábito beneditino neste mosteiro en 1690, e está presidido por unha estatua súa, obra de Francisco Asorey. O estilo é unha combinación austera e sinxela de clasicismo e herrerianismo: nove arcos de medio punto por cada lado na planta baixa, columnas dóricas nas dúas primeiras plantas e xónicas nos ventanais da terceira. Os muros do piso superior foron decorados con cenas da vida de San Bieito e son obra de Enrique Navarro, Celia Cortés e Xosé Luís Rodríguez. O Claustro Pequeno ou "das Nereidas" foi construído entre 1539 e 1582 polo monfortino Pedro Rodríguez, cuxo nome aparece nunha das claves da banda suroeste. Imita o estilo gótico e ten curiosos motivos de decoración, como a inscrición humorística "¿Qué miras, bobo?" nunha clave. O centro do claustro ocúpao a fonte barroca das Nereidas, de comezos do XVIII. O mosteiro foi colexio de Teoloxía e Filosofía e é parada importante do Camiño de Santiago, xa que conta cunha hospedaría.

Galería de imaxes

Outros artigos

Capela de San Salvador de Samos Mosteiro Mosteiros e conventos de Galicia === Ligazóns externas ===…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Que é Monumento

Estilo Arquitectura gótica serodia

Dedicado a Xián o Hospitaleiro

Fundado por Martiño de Dumio

Forma parte de Camiño de Santiago francés na provincia de Lugo

Tamén chamado Abadía de Samos · Monasterio de Samos · Mosteiro de Samos · Abadía de San Xulián de Samos · Monasterio de San Julián de Samos · Samos Abbey

Protección Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade · Ben de Interese Cultural

Altitude do punto ≈ 541 m · Terrain Tiles

Vila máis próxima Sarria, a 8,9 km

Camiño de Santiago Camiño Francés, a 73 m

No concello viven 1.162 (2025) · IGE

Para ir

Horario Apr 01-Nov 23: Mo-Sa 10:00,11:00,12:00,16:30,17:30,18:30 · Apr 01-Nov 23: Su,PH 12:45,16:30,17:30,18:30 · Nov 24-Mar 31: We-Mo 12:30,16:30

Entrada 5 € (visita guiada por un monxe, uns 40 min)

Teléfono +34 982 546 046

abadiadesamos.com (horarios, teléfono e web) · prezo informado por visitantes · 2026-09-02

Ver no mapaLer na WikipediaWeb oficialComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar