Museo
Museo do Mar de Galicia
Alcabre · Vigo · Pontevedra · 2002
Foto: Adrián Estévez (Estevoaei) · CC BY-SA 4.0 · Wikimedia Commons ↗
O Museo do Mar de Galicia é un centro cultural e científico dedicado ao mar, inaugurado en xuño do 2002 situado na Punta do Muíño, na parroquia viguesa de Alcabre. O padroado do museo está composto pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello de Vigo.
Arquitectura
Foi proxectado polo arquitecto galego César Portela e o italiano Aldo Rossi e levado a cabo por Portela á morte do último. A construción toma como base a estrutura da antiga fábrica de conservas de Alcabre, sendo ampliada a maiores no deseño. Consta de tres edificios: Un edificio principal, outro secundario ao que se accede a través dunha pasarela, o acuario e un pequeno restaurante. Na contorna hai tamén un faro de estrutura metálica e unha rompente. Na entrada, hai unha pequena baixada empedrada, franqueada por dúas fileiras de árbores e nun lateral desta hai un mural policromado feito con gres de Burela, concibido por Francisco de Sales Covelo e interpretado por Isaac Díaz Pardo na factoría do Grupo Sargadelos en Sargadelos en 2003. O edificio consta de recoñecemento mundial, como unha grande obra arquitectónica,[Cómpre referencia] recibindo visitas de estudantes de arquitectura de diversos países.
O Museo
Os edificios conteñen a exposición permanente do museo, e ademais aloxan diversas exposicións temporais de temáticas moi variadas, na medida do posible relacionadas co mar. O primeiro edificio, contén a recepción, onde se tramitan as entradas, e un pequeno espazo de tenda para a venda de produtos relacionados co mar e recordos, as salas de exposicións temporais, e as primeiras salas da exposición permanente, que serían O Gabinete do naturalista, a Homenaxe o desastre do Prestige e Exploración do mundo submarino, xunto con algunhas pezas illadas, principalmente fotografías da zona mariñeira de Vigo e maquetas de diferentes embarcacións. A través dunha pasarela acristalada que permite ver o castro de Alcabre e a Ría de Vigo, accédese ao segundo edificio. Nel hai unha gran sala con diversos bloques temáticos, incluíndo embarcacións tradicionais, industria conserveira e industria baleeira. No edificio do Acuario hai unha pequena mostra da fauna que habita a Ría de Vigo, dende a costa ata as Illas Cíes, entre outras especies, varias pintarroxas, douradas, rubios, linguados...
Oferta cultural
O Museo, conta cunha extensa oferta cultural, que se basea principalmente en actividades ofertadas a colexios e familias. Os visitantes poden participar nunha serie de talleres didácticos orientados cara a nenos e pais, así como visitas escolares e asociacións. Estes, poden comprender diferentes temáticas, que abarcan dende "O naturalista do s. XIX" ata a "Cultura Mariñeira de Galicia". Á parte destes talleres, os visitantes poden asistir en datas sinaladas a eventos como a alimentación dos peixes do Acuario, ou a actividades realizadas exclusivamente para exposicións temporais, como pases guiados ou talleres especiais. Á parte, o propio Museo participa nunha serie de actividades de investigación como A memoria do mar, o proxecto Neuston ou o Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia. Estas actividades poden solicitarse chamando o Museo de Martes a Venres. Tamén existe a opción de que os visitantes deixen o seu correo electrónico enchendo unha ficha en recepción, e todas estas ofertas e actividades seranlles remitidas.
Centros relacionados
O museo ademais coordina o Centro Arqueolóxico de Salinae, que alberga os restos dunha salina romana, xunto cun centro de interpretación de reducido tamaño, que relata brevemente o papel do sal en Roma e as características do xacemento.
Galería de imaxes
Outros artigos
Museo da Batalla de Rande Museo do Mar de Marín
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Datos
Que é Museo marítimo
Inaugurado 2002
Quen o coida Concello de Vigo
Nome oficial Museo Do Mar de Galicia
Tamén chamado Museo do Mar
Altitude do punto ≈ 5 m · Terrain Tiles
Vila máis próxima A Ponte, a 2,4 km
Ruta que pasa preto Caminho Português da Costa, a 2,7 km
No concello viven 295.735 (2025) · IGE
Para ir
Entrada De pago
Teléfono +34 986 247 750