Ponte histórica

Ponte de Mañufe

Gondomar · Pontevedra · 1140

Ponte de Mañufe

A ponte de Mañufe é a máis antiga das existentes na comarca do Val Miñor. A obra ten unha probable orixe romana e unha posterior reconstrución datada no ano 1140 segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón. Sitúase na actual estrada provincial PO-2035 ao seu paso polo río Miñor, e segue a ser a principal porta de entrada e saída á parroquia de Mañufe tanto do tráfico peonil como vehicular no século XXI. Une os lugares da Texosa (norte) e A Ponte (sur), na devandita parroquia situada no concello de Gondomar. Está catalogada como Ben de Interese Cultural dentro do espazo de protección delimitado no Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia. == Localización == A súa cabeceira norte sitúase na intersección do Camiño das Bragadas (Camiño Texosa na nomenclatura oficial) e a estrada provincial PO-2035, cuxo trazado salva esta ponte sobre o río Miñor, vía que ten orixe nunha histórica calzada romana e posteriormente ruta de peregrinación a Santiago coñecida como O Camiño da Nosa Señora do Norte. A cabeceira sur, xa no barrio da Ponte, linda con terras de cultivos (Os Conguidos) no lado oeste e coa ribeira sur do Miñor ao leste, onde se situaba un antigo lavadoiro comunal (O Lavadouro do Río), hoxe cuberto pola maleza. == Historia e arquitectura == É unha ponte de "cadeirado" con arcos de medio punto e tallamares triangulares, de orixe e tipoloxía aparentemente romanas que sufriu modificacións na época medieval. É máis antiga que a ponte da Ramallosa, datada no século XIII, despois da fundación da vila de Baiona por Afonso IX en 1201. De existir unha ponte romana sobre o río Miñor nesa etapa histórica, debería alzarse neste mesmo lugar, posto que os romanos nunca as emprazaban na desembocadura senón río arriba. Esta mesma teoría segue a profesora E. Ferreira Priegue, que tamén cita o traballo máis recente sobre a ponte pertencente ao arquitecto de Gondomar Antonio Solliño Troncoso. Este autor sinala que a obra "ten unha lonxitude total de 42 m e un ancho de plataforma de 3,20 m, salvando o río Miñor mediante tres bóvedas de medio punto e, segundo parece, dous ocos alintelados hoxe tapados. Como é habitual en toda ponte medieval, presenta perfil en lombo de asno, neste caso algo modificado por algunha intervención posiblemente da Idade Moderna, e na fábrica aparecen numerosas marcas de canteiro. Augas arriba, presenta tallamares en mal estado e algún antigo peitoril incrustado na fábrica". Para Soliño Troncoso, A Ponte de Mañufe representa un dos testemuños máis interesantes do Románico no Val Miñor. Pola súa situación estratéxica no cruzamento de camiños históricos, será incluída por Domingo Fontán na Carta Xeométrica no ano 1845. Tamén está mencionada no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1848), onde sinala que sobre o río Miñor, que no documento figura como Riachuelo da Ramallosa, existe unha "ponte de madeira que ten o mesmo nome que esta parroquia". Sobre esta devandita estrutura de madeira non se atopan rastros na actualidade, nin documentación ou investigación posterior que a mencione. == Conservación da ponte == Este ben cultural protexido soporta na actualidade a pasaxe permanente de todo tipo de vehículos, incluídos os de gran tonelaxe, que afectan a súa estrutura. Na década dos setenta do século XX, a Deputación de Pontevedra intentou actualizar e mellorar os usos da ponte cunha intervención que a dotou ao taboleiro de plataforma de rodaxe e de paso de peóns a base dunha estrutura de formigón armado. A zona de paso de peóns foi voada a ambas lados da plataforma orixinal e colocouse unha varanda metálica de protección. === O informe de Alfonso Soliño Troncoso (2004) === Estas obras provocaron un gran cambio na arquitectura da ponte que foron documentadas e denunciadas no ano 2004 por Alfonso Soliño Troncoso, daquela, arquitecto técnico do Concello de Gondomar.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar