Igreja

Igreja de San Martiño de Sobrán

Vilagarcía de Arousa · Pontevedra

Igreja de San Martiño de Sobrán

A igrexa de San Martiño de Sobrán é a igrexa parroquial de Sobrán, no concello de Vilagarcía de Arousa. De orixe medieval, mantén un estado de conservación bastante bo, con boa parte da fábrica románica. == Historia == Segundo relata Hipólito de Sá tense noticia da existencia dun mosteiro de Sobrán por unha doazón que da igrexa fixo ao convento de San Paio de Antealtares o conde Raimundo de Borgoña xunto coa súa esposa dona Orraca o 28 de marzo de 1098, mosteiro patrimonial e dúplice. Descoñécese a que documento fai referencia o autor. Na Historia Compostelá recóllese como no ano 1114 xa era só unha igrexa que foi doada á catedral de Santiago por Ramiro Muñoz. Outros documentos veñen a corroborar a existencia do templo como igrexa regular, conservados na Colección de documentos do mosteiro da Armenteira. Unha venda de Arias Salvadorez a Armenteira en 1235, outra venda en xullo de 1245, outra en xaneiro de 1252 e outra en abril de 1254. Pertenceron á diocese de Iria Flavia, pasando á compostelá. Pasado un tempo, estas terras de Sobrán pasarían por aforamento da mitra compostelá, á casa dos Soutomaior. == Descrición == Trátase dunha igrexa dunha soa nave e ábsida semicircular. Pode datarse a súa construción nunha data próxima e non posterior ao ano 1170 para o testeiro e posteriores os beirís da nave. === Exterior === A fachada occidental divídese verticalmente por dous contrafortes en tres rúas, e horizontalmente en catro corpos divididos por tres impostas. No centro ábrese unha porta de arco semicircular e tímpano liso apoiado sobre batente derruído. Ten chambrana de cinco liñas de tacos, as arquivoltas de media cana entre baquetóns que se apoian en columnas de bases e capiteis entregos e fustes monolíticos acaroados. As bases son de perfil ático con garras. O plinto presentan as caras con decoracións moi desgastadas. Os capiteis exteriores decóranse con motivos vexetais, follas curtas con pomas e sobre elas calículos en espiral. Os capiteis interiores non se conservan. O ábaco con chafrán recto decórase con vexetación sinuosa e trevos, que continua pola fachada ata os contrafortes. Enriba da porta un tornachoivas con tellas de cubrir en caveto sostido por canzorros en proa. No corpo superior unha ventá con arquivoltas tóricas, o tímpano e chambrana son da mesma tipoloxía que as da porta. As arquivoltas apóianse en dous pares de columnas entregas. O campanario é de feitura posterior. A fachada meridional queda enmarcada nos seus extremos polos muros transversais da fachada occidental e o muro testeiro, que sobresaen a modo de contrafortes. Divídese en tres panos por medio de dous contrafortes centrais, que foron engrosados ao longo dos anos. No primeiro pano cara a occidente ábrese unha ventá con chambrana de rombos e arquivolta tórica que se apoia sobre un par de columnas de capiteis e bases entregos. Os capiteis decóranse con follas en espiral. O plinto é dunha base con tres fiadas de tacos. No pano central ábrese unha porta con arco de medio punto, con arquivolta de media cana e touro apoiado sobre un par de columnas. Os capiteis decóranse con entrelazos de vástagos que saen das bocas dunhas cabezas de lobo. O tímpano liso apóiase sobre mochetas. A porta tiña chambrana de cinco fiadas de tacos, hoxe en día practicamente desaparecida. No terceiro pano ábrese unha ventá de arquivolta semicircular moi arruinada e capiteis historiados, o dereito de contido indescritible debido ao seu mal estado de conservación, e o esquerdo representando quizais dous monos coas extremidades superiores agarradas entre si. O beiril é de cornixas en caveto e canzorros en proa. A fachada setentrional presenta unha estrutura e decoración similares ás da meridional. No tramo central un dos capiteis da porta presenta un cuadrúpede decapitado. A ábsida únese á nave por medio dun anco que sobresae a modo de contraforte. Configúrase cun tramo recto limitado por un machón rectangular e o hemiciclo dividido en cinco panos por medio de catro columnas entregas. Nos tres panos centrais ábrense unha ventá con arco de medio punto con chambrana de billetes, arquivolta de media cana entre listeis e bocel apoiado sobre un par de columnas.…

Texto da Wikipédia em galego, com licença CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipédiaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar