Castle
Monterrey Castle
Monterrei · Ourense

O castelo de Monterrei é unha fortificación medieval, situada no concello de Monterrei, nun outeiro sobre o val do río Támega, na confluencia entre os camiños de Pobra de Seabra e Ourense. É unha das fortalezas mellor conservadas de Galiza. Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931, e na actualidade é un Ben de Interese Cultural.
Historia
A fortaleza aséntase sobre os restos do castro de Baronceli, e estivo ao longo do tempo en posesión dalgunhas das máis poderosas liñaxes de Galiza: os Ulloa, os Zúñiga, os Viedma, os Fonseca, os Acevedo e finalmente a Casa de Alba. O lugar foi vila do conde Gutiérrez Menéndez, pai de Rosendo de Celanova, a principios do século X, sendo a primeira noticia documental sobre o castelo de 950. A comarca formaba parte do señorío do mosteiro de Celanova. Os seus abades consideraban o castelo unha ameaza á súa autoridade, polo que procuraron a protección da Coroa, chegando a obter, en 1213, do rei Afonso VIII de León e Galicia o privilexio que ordenaba a demolición das defensas do castelo. No século XII, o primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques, neto de Afonso VI, reedificou o castelo. En 1366 o castelo serviu de refuxio a Pedro I o Cruel no transcurso da guerra civil que o enfrontou a Henrique de Trastámara. Anos máis tarde, o rei Xoán I de Castela concedeu os dereitos sobre o castelo a Diego López de Zúñiga. Seu fillo levou o título de Vizconde de Monterrei, e tralo nomeamento dos Reis Católicos foille concedido o título de 1º Conde de Monterrei a Sancho Sánchez de Ulloa e Monterroso, que herdara o patrimonio en 1461 logo de preitear nos tribunais durante case vinte anos con Francisco de Zúñiga. Neste lugar entrevistáronse en 1506 Filipe I de Castela e o Cardeal Cisneros. Na Idade Moderna construíronse so dirección dos enxeñeiros da Coroa Juan de Villaroel e Carlos de Grunemberg dous recintos abaluartados auxiliares que pechaban e defendían o convento dos franciscanos e o dos xesuítas. En marzo de 1809, durante a Guerra da Independencia española, a fortaleza foi protagonista durante a Batalla do Val de Monterrei, na que as tropas do Marqués de La Romana foron derrotadas polas tropas imperiais francesas do mariscal Soult. Neste lugar foi impreso o primeiro incunable galego, coa primeira imprenta de tipos móbiles: o 3 de febreiro de 1494 foi estampado o Missale Auriense, o primeiro libro editado en Galiza. A vida cultural desta pequena corte nobiliaria tivo a súa importancia, chegando a impartir docencia en gramática, artes e teoloxía.
Características
Está considerada por moitos autores como a maior acrópole galega, sendo durante o final da idade media un enclave estratéxico para a defensa da fronteira con Portugal. Os elementos máis antigos conservados corresponden aos anos do reinado de Afonso VIII de León e Galicia, correspondendo a maior parte dos elementos ao mandato do 1º conde de Monterrei Sancho Sánchez de Ulloa.
Recintos murados
Estrutúrase en tres recintos murados levantados sobre unha alongada lomba. No primeiro recinto levántase o actual Parador Nacional, e próximo a este consérvase un cruceiro do século XVII. Ao segundo recinto accédese por medio dunha porta ladeada por dous corpos de garda con frestas, reforzando o restante do recinto con diversos baluartes. Ao último recinto accédese por medio dunha porta con arco apuntado formado por grandes doelas, sendo a porta mellor conservada do complexo. Sobre ela encóntrase o escudo de Monterrei, formado por catro cuarteis coas armas dos Acevedo, os Ulloa, os Viedma e os Zúñiga, e, sobre eles, o escudo dos Fonseca.
Hospital de Peregrinos
Outra das construcións destacadas do conxunto é o Hospital de Peregrinos fundado por Gaspar de Zúñiga, construído en 1391, segundo a data inscrita no friso que vai ao longo da cornixa. Estaba dedicado á Santísima Trindade, e ten a súa orixe nun albergue dependente do Mosteiro de Montederramo levantado en 1327.…
Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗
Chegar en bus
- Verín (gasolinera Repsol N-525)a 852 mFlariz (estrada)-Verín E.A. · Flariz (estrada)-Verín E.A.(volta)
- Verín (Garda Civil)a 876 mInfesta (marquesiña)-Verín E.A. · Infesta (marquesiña)-Verín E.A.
- Pazos (paso peóns)a 900 mOurense E.I.-Verín E.A. · Ourense E.I.-Verín E.A. · Cualedro-Verín E.A. · Cualedro-Verín E.A. · MEDEIROS-VERÍN E.A. · Atás (cruzamento N-525)-Verín E.A.
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.