Cave
Cave of King Cintolo
Mondoñedo · Lugo

A cova do Rei Cintolo está situada na parroquia de Argomoso (Mondoñedo). É a cova calcaria máis grande de Galicia e no seu interior pódense observar estalactitas e estalagmitas. Está formada por tres andares de galerías, a inferior cunha vía de auga con circulación parcialmente sifonante, que forman un total de case 7.500 metros de lonxitude, o que fai que sexa a cova coñecida con maior percorrido horizontal de Galicia, polo que é bastante coñecida. == Situación == A caverna atópase no lugar de Supena, na parroquia de Argomoso, en Mondoñedo. O enclave atópase a escasos quilómetros do centro da vila. == Historia == A cova foi explorada, do punto de vista arqueolóxico, por primeira vez por José Villa-amil y Castro na década de 1870, da que deixou constancia no seu libro Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia. En 1893 cítase no xornal La Voz de Luarca outra exploración e un ano máis tarde aparece citada na guía de Gabriel Puig y Larraz chamada Guía de cavernas de España. Daquela estimábase a dimensión da cova nuns 200 metros. En 1954, a iniciativa do Club Montañeiros Celtas de Vigo, fíxose un campamento para a exploración e topografía da caverna. Descóbrense novas zonas na cavidade, así como o río subterráneo, ao que chamaron río Celtas. Máis tarde distintos grupos espeleolóxicos de toda España foron completando as investigacións e os traballos de topografía. A finais dos anos 1960 comezan os intentos de obter unha topografía xeral da cova, ao tempo que se descobre a galería Venus á dereita da sala do Río (tamén coñecida como salas Finais do Río). En 1973 a cova gaña sona grazas a un documental de TVE, que supuxo a primeira filmación da cova. A partir daquela a caverna comezou a ser visitada por un gran número de persoas, que provocaron deterioracións no seu interior. En 1976 decidiuse colocar un enreixado, debido aos espolios que estaba a sufrir a caverna, que ameazaban coa destrución da cavidade. Nas escavacións dirixidas no verán de 2002 pola arqueóloga Rosa Villar atopáronse materiais da Idade de Ferro, da cultura castrexa (cerámica e osos de vaca, porco e cervo) na súa entrada. En 2006 o concello de Mondoñedo puxo en marcha un sistema de visitas guiadas á caverna, poñendo fin a unha época de peche que semellaba definitiva. En 2019 a cova foi recoñecida como o «mellor destino científico de Galicia» e en 2022 distinguida como a «mellor cova de Galicia». == Notas == == Véxase tamén == === Ligazóns externas === A cova do Rei Cintolo, na páxina do Concello de Mondoñedo Arquivado 08 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. Cova do Rei Cintolo. G.E. Edelweiss Arquivado 21 de febreiro de 2015 en Wayback Machine.
Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗