Pazo

Pazo de Meirás

Sada · A Coruña · 1900

Pazo de Meirás

O pazo de Meirás é un pazo situado na parroquia de San Martiño de Meirás (concello de Sada), no cal viviu a escritora galega Emilia Pardo Bazán e que, na actualidade, hai unha disputa sobre a súa titularidade entre varias administracións públicas e os descendentes de Francisco Franco. En decembro de 2008 a Xunta de Galicia declarouno Ben de Interese Cultural (BIC). O 2 de setembro de 2020, unha xuíza sentenciou que o pazo era propiedade do Estado, declarando nula e sen efecto a "doazón persoal" a Franco e a súa familia. En 2026 o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática declarou o pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática. == Descrición == O Pazo de Meirás foi construído a finais do século XIX por riba das ruínas dun antigo edificio derrubado durante a Guerra de Independencia. O seu estilo é romántico. O inmoble consta de tres torres con ameas, de distinto tamaño e de planta cadrada, unidas por un corpo máis baixo, de cantería de granito. A torre maior, chamada A Torre da Quimera por Emilia Pardo Bazán, é onde se atopaba a súa biblioteca, e está situada á dereita do edificio. As dúas torres frontais están unidas por un pequeno corpo, que forma o amplo vestíbulo do pazo. Entre as torres menores, no lateral dereito do conxunto, atópase a capela, cunha portada románica trasladada doutro lugar. Nesta capela celebrou a súa voda a escritora o 10 de xullo de 1868. Tamén se poden atopar alí pezas arqueolóxicas interesantes, cruceiros, fontes, balaústres ou escudos traídos doutros pazos galegos (Sada, Ximonde, Ermida, Bendaña) especialmente no tempo en que Francisco Franco o empregou como residencia no verán. A maioría destas pezas foron achegadas por concellos e outras administracións durante a estadía de Franco, ou adquisicións da muller do xeneral, Carmen Polo. Entre estas obras de arte destacan dúas estatuas do século XII de 1,78 e 1,71 metros de altura respectivamente, pertencentes ao taller do mestre Mateu extraídas do Pórtico da Gloria en 1947 e entregadas ao caudillo en 1960, ano no que este as instalou no pazo, trasladándoas posteriormente á súa residencia da Coruña. Destacan tamén un cruceiro que representaba ao Santo dos Croques, tamén espoliado do Pórtico da Gloria; a réplica do relevo da praza da Bárbaras da cidade da Coruña; unha fonte de granito barroca do século XVIII e outra rococó do XVII. A propiedade ten unha superficie total 66.792 m², dos cales 2.115 son superficie construída. == Historia == Nos terreos onde agora se ergue o pazo houbo ata 1809 unha casa forte, queimada en 1809 polos franceses durante a guerra de independencia. Esta primeira construción pertencera á liñaxe dos Patiño de Bergondo, vencellados por enlaces matrimoniais aos Pardo de Lama, devanceiros da escritora Emilia Pardo Bazán, quen posuía o título de condesa de Pardo Bazán, concedido polo rei Afonso XIII en recoñecemento á súa relevancia no mundo literario. No ano 1893 a escritora e mais a súa nai decidiron encargar a construción dun pazo sobre as ruínas anteriores, das que non se conserva nada. Trala morte da escritora o 12 de maio de 1921 e do seu fillo Jaime en 1936, os descendentes lexítimos da escritora, a súa filla Blanca Quiroga de Pardo Bazán e a súa nora Manuela Esteban Collantes, tentaron doar o inmoble á Compañía de Xesús, pero esta non aceptou as condicións postas polas herdeiras. A venda produciuse finalmente a unha comisión que buscaba un pazo como agasallo ao ditador Francisco Franco. O pazo pasou a mans do xeneral o 5 de decembro de 1938. A cantidade da venda varía segundo as fontes entre as 400.000, as 450.000 ou as 725.000 pesetas daquel tempo. Trala venda do pazo comezaron as obras de remodelación e acondicionamento da leira: amañouse o muro, a estrada desprazouse varios metros e ampliouse, instalouse unha gran porta de ferro na entrada principal, e construíronse garitas de vixilancia e fontes, a torre e os principais motivos ornamentais do Pazo do marqués de Bendaña en Dodro foron trasladados ó pazo de Meirás, para axeitala a ser a residencia de verán do xefe do estado.…

Wikipedia text in Galician, licensed CC BY-SA. Read the full article ↗

See on the mapRead on WikipediaDirections

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Nearby