Montaña
Monte Faro de Domaio
Moaña · Pontevedra · 636 m
O monte Faro de Domaio é un monte galego situado na península do Morrazo, na localidade pontevedresa de Moaña. Ten 628,20 m de altura e é a máxima altitude da serra do Morrazo que percorre a península de leste a oeste. O nome do pico provén da parroquia de Domaio, na que se erixe. Domina as rías de Pontevedra e Vigo cunha situación estratéxica que o converteu nun importante centro de telecomunicacións. No seu cumio atópase unha zona de lecer chamada Chan da Arquiña que rodea un dolmen e unha mámoa co mesmo nome, e que constitúe a ruta de sendeirismo homónima. O monumento megalítico posúe máis de 5 000 anos de antigüidade, e consta dunha cámara poligonal composta de 11 pedras verticais e dun corredor, composto de 5 pedras verticais. Ten orientación cara ao leste. Nas escavacións encontrouse un enxoval funerario completo composto de diferentes útiles e ferramentas de pedra e fragmentos de cerámica. Nel nacen varios ríos, pequenos e de caudal irregular, que verten, polo sur na ría de Vigo e polo norte na de Pontevedra. A vexetación está composta por bosque atlántico onde abunda o carballo e o castiñeiro, que van cedendo paso aos eucaliptos e piñeiros que veñen da man da reforestación con fins de explotación forestal. O terreo é granítico con grandes rochas deste material. Unha estrada sobe até o seu cumio onde hai unha gran cantidade de antenas de todo tipo para servizos de telecomunicacións e televisión. No cumio do Monte Faro de Domaio instalouse un vértice xeodésico de primeira orde.
Galería de imaxes
Outros artigos
Chan da Arquiña Domaio, Moaña
Texto de Wikipedia en gallego, con licencia CC BY-SA. Ver el artículo completo ↗