Castelo
Castelo de Monterrei
Monterrei · Ourense

O castelo de Monterrei é unha fortificación medieval, situada no concello de Monterrei, nun outeiro sobre o val do río Támega, na confluencia entre os camiños de Pobra de Seabra e Ourense. É unha das fortalezas mellor conservadas de Galiza. Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931, e na actualidade é un Ben de Interese Cultural. == Historia == A fortaleza aséntase sobre os restos do castro de Baronceli, e estivo ao longo do tempo en posesión dalgunhas das máis poderosas liñaxes de Galiza: os Ulloa, os Zúñiga, os Viedma, os Fonseca, os Acevedo e finalmente a Casa de Alba. O lugar foi vila do conde Gutiérrez Menéndez, pai de Rosendo de Celanova, a principios do século X, sendo a primeira noticia documental sobre o castelo de 950. A comarca formaba parte do señorío do mosteiro de Celanova. Os seus abades consideraban o castelo unha ameaza á súa autoridade, polo que procuraron a protección da Coroa, chegando a obter, en 1213, do rei Afonso VIII de León e Galicia o privilexio que ordenaba a demolición das defensas do castelo. No século XII, o primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques, neto de Afonso VI, reedificou o castelo. En 1366 o castelo serviu de refuxio a Pedro I o Cruel no transcurso da guerra civil que o enfrontou a Henrique de Trastámara. Anos máis tarde, o rei Xoán I de Castela concedeu os dereitos sobre o castelo a Diego López de Zúñiga. Seu fillo levou o título de Vizconde de Monterrei, e tralo nomeamento dos Reis Católicos foille concedido o título de 1º Conde de Monterrei a Sancho Sánchez de Ulloa e Monterroso, que herdara o patrimonio en 1461 logo de preitear nos tribunais durante case vinte anos con Francisco de Zúñiga. Neste lugar entrevistáronse en 1506 Filipe I de Castela e o Cardeal Cisneros. Na Idade Moderna construíronse so dirección dos enxeñeiros da Coroa Juan de Villaroel e Carlos de Grunemberg dous recintos abaluartados auxiliares que pechaban e defendían o convento dos franciscanos e o dos xesuítas. En marzo de 1809, durante a Guerra da Independencia española, a fortaleza foi protagonista durante a Batalla do Val de Monterrei, na que as tropas do Marqués de La Romana foron derrotadas polas tropas imperiais francesas do mariscal Soult. Neste lugar foi impreso o primeiro incunable galego, coa primeira imprenta de tipos móbiles: o 3 de febreiro de 1494 foi estampado o Missale Auriense, o primeiro libro editado en Galiza. A vida cultural desta pequena corte nobiliaria tivo a súa importancia, chegando a impartir docencia en gramática, artes e teoloxía. == Características == Está considerada por moitos autores como a maior acrópole galega, sendo durante o final da idade media un enclave estratéxico para a defensa da fronteira con Portugal. Os elementos máis antigos conservados corresponden aos anos do reinado de Afonso VIII de León e Galicia, correspondendo a maior parte dos elementos ao mandato do 1º conde de Monterrei Sancho Sánchez de Ulloa. === Recintos murados === Estrutúrase en tres recintos murados levantados sobre unha alongada lomba. No primeiro recinto levántase o actual Parador Nacional, e próximo a este consérvase un cruceiro do século XVII. Ao segundo recinto accédese por medio dunha porta ladeada por dous corpos de garda con frestas, reforzando o restante do recinto con diversos baluartes. Ao último recinto accédese por medio dunha porta con arco apuntado formado por grandes doelas, sendo a porta mellor conservada do complexo. Sobre ela encóntrase o escudo de Monterrei, formado por catro cuarteis coas armas dos Acevedo, os Ulloa, os Viedma e os Zúñiga, e, sobre eles, o escudo dos Fonseca. === Hospital de Peregrinos === Outra das construcións destacadas do conxunto é o Hospital de Peregrinos fundado por Gaspar de Zúñiga, construído en 1391, segundo a data inscrita no friso que vai ao longo da cornixa. Estaba dedicado á Santísima Trindade, e ten a súa orixe nun albergue dependente do Mosteiro de Montederramo levantado en 1327.…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- Verín (gasolinera Repsol N-525)a 852 mFlariz (estrada)-Verín E.A. · Flariz (estrada)-Verín E.A.(volta)
- Verín (Garda Civil)a 876 mInfesta (marquesiña)-Verín E.A. · Infesta (marquesiña)-Verín E.A.
- Pazos (paso peóns)a 900 mOurense E.I.-Verín E.A. · Ourense E.I.-Verín E.A. · Cualedro-Verín E.A. · Cualedro-Verín E.A. · MEDEIROS-VERÍN E.A. · Atás (cruzamento N-525)-Verín E.A.
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.