Castro

Castro de Troña

Ponteareas · Pontevedra

Castro de Troña

O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas). Trátase dun exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en abril de 1949 e Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento en 2009. == Situación == O sitio arqueolóxico sitúase no cumio do monte do Doce Nome de Xesús, xunto coa ermida do mesmo nome, na parroquia de Santa Mariña de Pías a 229 metros de altitude, no concello de Ponteareas. É unha das citanias castrexas máis coñecidas de Galicia, despois da de Santa Trega, e unha das que se encontra mellor conservadas. == Descrición == O castro ten forma elíptica ou oval, ocupando toda a cima e a ladeira oeste do monte denominado Doce Nome de Xesús. Mide 120 metros de norte a sur e 200 metros de leste a oeste. Cun formidable sistema defensivo, provisto de murallas e un gran foxo na parte máis expugnable, alberga unhas 30 construcións de diferentes tipos: circulares, cadradas, elípticas e rectangulares. == Escavacións arqueolóxicas == É un xacemento rico en materiais arqueolóxicos: cerámica indíxena e romana, muíños, moedas, fíbulas e ata unha machada de ferro. Ademais atopáronse dous petróglifos con representación ofídica: un deles aínda segue in situ, na parte da coroa, pero o outro, que estaba nunha vivenda próxima ó camiño que sobe á citania, foi trasladada ó antigo Museo de Pías. A principios do século XX e como consecuencia da construción dun camiño cara ó monte e o acondicionamento do seu cumio, chegaron as primeiras noticias sobre o castro. Porén, houbo que esperar ata o ano 1927 para que se iniciasen as primeiras escavacións sistemáticas que foron dirixidas polos arqueólogos Luis Pericot e Florentino López Cuevillas ata o ano 1930. Despois quedou abandonado durante máis de 50 anos, ata que no ano 1981 fíxose cargo dos traballos José Manuel Hidalgo Cuñarro, dedicándose dende entón á limpeza, descubrimento e consolidación das construcións, así como á recollida e catalogación dos materiais que foron aparecendo. O resultado deste traballo foi a localización de 12 estruturas máis, parte da muralla e dun torreón. Ademais encontráronse varias construcións pétreas que en ocasións superpoñíanse. Por debaixo dalgúns pavimentos encontráronse restos de pisos e fogares pertencentes a niveis de ocupación de diferentes épocas, ó tempo que se atopou numeroso material arqueolóxico. No ano 1985 exhumáronse 30 casas, unha delas cun xeso branco no interior do muro. Así, as escavacións prolongáronse ata 1987 e os traballos ata 1992, poñendo ó descuberto un conxunto de estruturas que indican un certo urbanismo, con lousas, canles para as augas e vivendas con vestíbulo. == Cultura popular == Existen varias lendas sobre o lugar, pero a máis curiosa é a que alude á serpe que se atopa no petróglifo. Conta a lenda que unha enorme serpe vivía no castro e que de vez en cando baixaba a roubar e devorar ovellas e outros animais dos labregos. Disque a serpe falaba coas reses e dicíalles: "Dáme do teu leite que eu che darei do meu peite! Os veciños, para eludir o medo, acordaron levarlle un animal tódolos días á montaña, evitando así que baixara á aldea. Pero cansados de pagar tal tributo, un día decidiron matala. Recolleron moitos nobelos, cos que fixeron unha bóla, á que ataron unha corda, déronlla a comer e cando a serpe picou, tiraron da corda ata o cume do monte e alí matárona. Enterrárona xunto á ermida e puxeron un cruceiro por riba dela . Outra lenda di que debaixo da ermida hai un camposanto de mouros, xa que desde este lugar sae un camiño soterrado que vai ata o río Tea en Portavilares, que era o que usaban os mouros para ir ver os cabalos que tiñan alí. == Galería de imaxes == == Notas == == Véxase tamén == === Bibliografía === Barciela Garrido, Pilar e Rey Seara, Eusebio (2000): Xacementos arqueolóxicos de Galicia. Edicións Xerais de Galicia, Colección Roteiros. páxs. 194-199. ISBN 84-8302-484-5 Hidalgo Cuñarro, José Manuel (1985). "El castro de Troña: noticia preliminar de las excavaciones arqueológicas de 1982". El Museo de Pontevedra. XXXIX: 95–116.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar