Igrexa
Igrexa de Santa María a Nova de Noia
Noia · A Coruña · 1327
A igrexa de Santa María a Nova é un dos monumentos relixiosos e históricos máis representativos da vila de Noia. Trátase dunha igrexa construída en 1327 sobre outra máis antiga (do século XII), no centro do cemiterio histórico da vila, e posúe unha mostra singular de sartegos e sobre todo de laudas sepulcrais que datan dos séculos XIV ó XIX. Foi declarada monumento histórico artístico en 1973 e non posúe culto, estando actualmente dedicada exclusivamente a museo. Foi construída polo arcebispo santiagués Berenguel de Landoira (1262-1330), de orixe francesa, en estilo gótico mariñeiro con influencia do románico, sobre outra igrexa anterior do século XII. Isto pode explica-la denominación de Santa María a Nova como testemuña dunha anterior Santa María a Vella. Ten unha soa nave con tellado de madeira sobre arcos apuntados que a dividen en catro tramos e, na cabeza, a capela maior, cuadrangular, con bóveda de canón. No lado do Evanxeo, á esquerda, a capela dos Carneiro, ou de San Pedro, cunha bóveda en forma de cuncha de vieira. === Exterior === No exterior, destaca o tímpano da porta principal, que conserva restos da policromía orixinal. No tímpano represéntase a Adoración dos Reis: estes están á dereita da Virxe, e á esquerda está a imaxe do bispo Landoira axeonllado e, tras del, San Xosé. En 1817 construíuse un pequeno pórtico protexendo a entrada. No centro da fachada, un rosetón gótico, e sobre el unha pequena espadana. Sobre a porta lateral sur, no lintel consta a seguinte inscrición: === Interior === No altar maior destaca un retablo barroco, de 1760, no que se mostra, á esquerda, a imaxe da Virxe do Carme sacando as ánimas do purgatorio, e á dereita, a Quinta Angustia. A carón do altar maior ábrese un pequeno espazo, antiga sancristía, no que se se expoñen algunhas lápidas e, nunha fornela, a parte superior dun cruceiro. A capela plateresca dos Carneiro foi construída en 1575 por Pedro de Cereceda. Contén dous sartegos baixo cadanseu arco, un do fundador, Pero Carneiro, e outro de Álvaro Paz Carneiro. No primeiro, coa figura esculpida do personaxe, unha inscrición lémbrao: "ACI GAZ PO CARNEIRO FILLO D Pº Aº DA CORREDOIRA" (Aquí xace Pedro Carneiro, fillo de Pedro Alonso da Corredoira). Este Pero Carneiro foi un mercador que chegou a alcalde da vila de Noia, e prestou diñeiro ó cardeal e arcebispo compostelán Gaspar de Abalos (1542-1545) cando este estaba en Xénova. O sepulcro de Álvaro Paz, finado pola peste en 1348, carece de figura; o seu epitafio di: "AQUI IAZ ALVARO PAZ CARNEIRO QUE SE FINOU ENA MORTALDA XV DIAS D'AGOSTO ERA MCCCLXXXVI ANOS". No chan da capela hai tres laudas con escudos heráldicos labrados, moi desgastados. No frontispicio desta capela están labrados os bustos de San Pedro e San Paulo. Unha inscrición dá conta da construción: "ESTA CAPILLA MANDO HAZER PRO CARNERO I LA DEXO DOTADA CON DOS MISAS CADA DIA VNA EN S MARTIN AL ALBA I LA OTRA A AS ONZE". Á entrada da igrexa pode observarse unha pía bautismal do século XV cun relevo de difícil interpretación. == O cemiterio e o museo == O cemiterio da igrexa de Santa María a Nova rodea a igrexa, de modo que esta o divide en dúas áreas, norte e sur. Na parte norte atópase o Cristo do Humilladoiro [1], un cruceiro do século XVI, baixo un baldaquino . A cúpula do baldaquino, de forma piramidal, mostra dous relevos moi desgastados, un coas catro fases da lúa e outro cunha escena de caza na que un animal ferido foxe dos cans. Castelao debuxouno na súa obra As cruces de pedra na Galiza [2]. Corre a lenda de que o cemiterio está feito coa terra que trouxeron desde Palestina os barcos noieses. Outra lenda conta a orixe do cruceiro e o seu baldaquino: isto eran dous irmáns que se separaron durante o transcurso dunha guerra en Xerusalén. O irmán máis vello, por máis que pescudou durante sete anos, non atopou o pequeno e, cando regresou a Noia mandou construír o cruceiro en memoria do desaparecido, ó que cría morto. Pero o certo é que o irmán máis novo caera preso e logrou escapar pero cando volveu, o outro xa morrera, e mandou construí-lo baldaquino sobre o cruceiro do irmán en memoria deste.…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- Centro De Saúde Noiaa 389 mGorgosa (NavalSouArsels) - Noia E.A.
- Centro De Saúde Noiaa 389 mGorgosa (NavalSouArsels) - Noia E.A.
- IES Campo de San Albertoa 449 mNoia E.A. - Cuns · Noia E.A. - Cruce Muelle · Noia E.A. - Cruce Muelle · Noia E.A. - Cuns · Noia E.A. - Medoña - Negreira · Noia E.A. - Medoña - Negreira
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.