Igrexa

Igrexa de Santa María de Cambre

Cambre · A Coruña

Igrexa de Santa María de Cambre

A igrexa de Santa María de Cambre é un templo de feitura románica de Cambre do século XII. Segue o estilo románico compostelán e é unha das igrexas a destacar no románico galego. Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño do 1931. A protección como Ben de Interese Cultural esténdese á delimitación da contorna por Decreto 29 do 29 de xaneiro do 1998. == Situación == Esta antiga igrexa monástica sitúase na ribeira do río Mero, na parroquia de Santa María de Cambre no centro do concello de Cambre, na comarca das Mariñas dos Frades. == Historia == Pertencía á xurisdición da arquidiocese compostelá. Na Alta Idade Media, nun lugar coñecido como Calambre, fundouse un mosteiro familiar por parte do cabaleiro Alvito e as súas irmás Vestriberga e Urraca. O seu primeiro abade foi Adulfo. O mosteiro foi doado ao de San Paio de Antealtares o 16 de agosto do ano 932, que o mantivo ao principio en réxime de abadía e que, posteriormente, o converteu en priorado. No ano 1454 dependía coma encomenda de don Gómez Pérez das Mariñas I, mais no 1489 incorporouse, xunto co mosteiro de San Paio, ao de San Martiño Pinario, suxeito ás regras da congregación beneditina de San Bieito o Real de Valladolid. No 1589 foi incendiado polos ingleses e en 1809 polos franceses, polo que tivo que ser «en gran parte reconstruído, perdendo a igrexa case todo o seu antigo beiril», segundo conta Ángel del Castillo. Coa Desamortización de Mendizábal completouse a extinción do antigo mosteiro. == Etapas == A construción da igrexa pódese dividir en tres etapas principais. === Primeira etapa === A mediados do século XII comeza a construción da fachada principal maila occidental e os tres primeiros tramos das naves lonxitudinais. A nave central é un chisco máis longa cás laterais, que se separa por grandes piares cadrados con semicolumnas pegadas aos lados. Os arcos formeiros mailos transversais, sobre os que se sostén a cuberta de madeira son de medio punto e arrancan de capiteis con decoración xeralmente vexetal. === Segunda etapa === Neste período erixiuse a cabeceira protogótica. Presenta claras influencias da catedral de Santiago de Compostela na súa coroa con cinco capelas radiais, o que a emparenta, a pesar do seu tamaño, coas grandes igrexas de peregrinación. As capelas radiais ábrense á coroa por arcos oxivais, sustendados por semicolumnas pegadas aos muros, e cóbrense con bóvedas en forma de cosco sobre nervios. === Terceira etapa === Corresponde ao século XIII, no cal se rematan a cabeceira, o cruceiro, o derradeiro tramo das naves e a portada. A coroa cóbrese cunha bóveda anular e a capela maior, composta dun tramo rectangular mais outro semicircular, cunha bóveda de canón rematada en cuarto de esfera. Unhas escaleiras de cosco na banda leste dos brazos menores do cruceiro dan acceso ao que probabelmente foron no seu día dúas torres pequenas que hoxe non sobresaen da cuberta. == Descrición == A igrexa é o único que se conserva na actualidade do primitivo mosteiro, esta está orientada liturxicamente e a vivenda sacerdotal, situada ao sur, forma un «L» aberto a un patio rectangular, pechado polos seus lados norte e oeste cun alto muro de pedra. Foi construída a finais do século XII. Estrutúrase en planta de cruz latina (co brazo maior composto de tres naves con catro tramos), con deambulatorio. Da igrexa destaca o emprego dunha mestura de solucións románicas e góticas cunha forte influencia do taller da Catedral Compostelá. === Exterior === A parte mellor conservada do conxunto é a cabeceira que destaca pola elegancia, composta pola capela maior e cinco capelas nos absidiolos, que arrodean o gran tambor do deambulatorio, aínda que este perdeu os canzorros. Nestes absidiolos consérvanse as cornixas e abovedamentos orixinais. As xanelas de arco de medio punto entre contrafortes prismáticos e con arquivoltas as da ábsida central, contribúen a acentuar o aspecto medieval do conxunto.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Para ir

Cadeira de rodas Si

Teléfono +34 981 67 51 57

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar