Mosteiro

Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

Silleda · Pontevedra

Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é unha das obras arquitectónicas do románico serodio, de transición ao gótico, máis destacables de Galicia. Trátase dun mosteiro beneditino fundado no século X e que viviu os seus momentos de maior esplendor entre os séculos XI e XIII do que se conserva en moi bo estado a súa igrexa e algúns dos departamentos monacais, grazas aos traballos de restauración e recuperación realizados a partir da segunda metade do século XX.

Situación

Localízase na parroquia de Santa María de Carboeiro pertencente ao concello de Silleda, na comarca de Deza, no seu límite norte co concello de Vila de Cruces. Sitúase á beira do río Deza preto da súa desembocadura no caudaloso Ulla (que fai de fronteira natural da comarca coa Terra de Santiago), aproveitando un meandro do propio río e ao abrigo do Couto Costoia, nunha paraxe dunha natureza abrupta, no territorio que se deu en chamar Trasdeza (máis alá do do Deza, segundo os cartógrafos da diocese de Lugo), e preto de onde recibe as augas do seu afluente o río Toxa que se une abruptamente salvando un considerable desnivel formando a fervenza do Toxa, unha das máis afamadas de Galicia.

Historia

O nome do mosteiro débese a actividade carboeira procedente do aproveitamento da densa vexetación forestal da zona para a fabricación de carbón vexetal. Deste xeito nos textos máis primitivos aparece mencionado como Carbonario (1131) e en textos máis modernos como Karuonario (958), Carbonero (1311), Carbonieyra (1320), Carguero (Padre Yepes), Garguero, Cargueiro ou Gargueiro. Unha denominación curiosa é a que se fai do lugar como Algalí no diploma de restauración da abadía feita no ano 999 polo rei Vermudo II. Noutros dous documentos, un do ano 1095 e o outro do século XII, menciónase o lugar como Retorta. Por último en numerosos documentos fálase do lugar ao abrigo do Monte Custodia, o actual Couto Costoia, do que posiblemente proviñera a pedra utilizada para a súa construción. O coñecido como Camiño dos carboeiros partía do mosteiro cara ao mosteiro de Aciveiro e a Terra de Montes. O que semella fóra de toda dúbida é que por Carbonario eran coñecidas estas fragas de densa vexetación pegadas ao Deza.

Fontes

Os datos que se coñecen sobre o mosteiro débense fundamentalmente a tres fontes: A obra do Pai Antonio de Yepes (1554 - 1618), cronista da orde beneditina e que visitou Carboeiro no ano 1600. A obra do cóengo Antonio López Ferreiro, que na súa obra O niño das pombas (1905) puxo como escenario o mosteiro. A obra do catedrático Manuel Lucas Álvarez, que publicou máis de 300 documentos da colección diplomática da comunidade.

Fundación e período de esplendor

Grazas ao Padre Yepes, que a finais do século XVI viu o documento fundacional do mosteiro no arquivo do mosteiro de San Martiño Pinario, disponse na actualidade dos datos sobre a fundación. Non existe acordo entre os historiadores na data de nacemento da abadía. A súa xestación comezaría nos primeiros vinte anos do século X, e posiblemente cara ao ano 936, data do documento fundacional que marcaría a data oficial da fundación, xa existía unha pequena comunidade que sería a mesma que se encargaría da construción do edificio, no mesmo lugar onde se erguía unha antiga ermida dedicada a San Lourenzo, propiedade dunha tal Egica a que lle mercaron os fundadores do mosteiro, os condes Gonzalo e Tareixa, segundo fai constar a escritura de fundación do mosteiro, nas verbas do Padre Yepes. Gonzalo Betote, fillo de Afonso Betote, Conde de Deza, e a súa dona Tareixa Eiriz, filla dos condes de Lugo, sobriña do bispo da diocese, Ero, e tía do bispo Rosendo de Celanova, pertencentes a unha das liñaxes máis poderosas deses tempos. Pouco tempo antes os condes fundaron o mosteiro de San Salvador de Camanzo na outra beira do Deza. Pese a que ben cedo comezaría a recibir doazóns e mercar terras as escrituras de fundación datan do ano 926 e xa se levaba traballado na fundación. A morte do conde Gonzalo debeu contribuír a que se demorasen as obras. O conde morreu cara ao ano 927 e foi soterrado no Mosteiro de Camanzo.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar