Mosteiro
Mosteiro de Santo Estevo de Atán
Pantón · Lugo

O mosteiro de Santo Estevo de Atán é unha edificación relixiosa que se atopa na marxe esquerda do río Miño, na parroquia de Atán, no concello de Pantón, da que practicamente só queda a igrexa. Está situado preto de terras asolagadas polo encoro dos Peares en plena Ribeira Sacra. Dende a súa localización, a media ladeira, pode contemplarse na outra beira do río, e máis ou menos á mesma altura, cara á esquerda, a igrexa de San Xoán da Cova. Foi declarado monumento nacional por Decreto 2496 do 23 de agosto do 1975. == Historia == Fundado por Odoario, bispo de Lugo, nos albores da monarquía ovetense nun momento previo á plena integración da Galicia nuclear no reino astur-galaico, denantes do 747: «Item in ripa minei territorio uocitato licino monasterium sancti stephani wallis athane quod ex propia familia extipaui et radice fundamentaui». Sería manifestación da persistencia no país dunha continuidade histórica non interrompida pola invasión árabe de Hispania. É moi posible que teña as súas raíces nas comunidades eremíticas da Ribeira Sacra que se remontan á época do Reino Suevo como consecuencia do proceso de cristianización impulsada por Martiño de Dumio. Na segunda metade do século XII, en plena efervescencia do monacato galego foi obxecto dunha ampliación e reedificación. == Arquitectura == === Interior === A igrexa consta dunha soa nave cuberta de madeira a dúas augas cunha ábsida dividida en dúas partes. Accédese ao presbiterio a través dun arco triunfal lixeiramente apuntado que se apoia sobre semicolumnas acaroadas con capiteis de ornamentación vexetal. Este arco triunfal repítese en medio da ábsida, que forma un cuadrilátero rectangular irregular cuxa forma se aproxima ao cadrado. Este ilumínase por medio de dúas xanelas rectangulares, ao xeito de seteiras abucinadas ao interior, que se abren no segundo tramo deste e por outra semellante, de dobre altura, que se abre no testeiro. Sobre este e arrodeando a fiestra central, desenvólvense unhas pinturas primitivas, quizais do século XV. Á esquerda da xanela desenvólvense a escena da Anunciación, presidida por Deus Pai. So, Santa Lucía cunha bandexa sobre a que repousan os seus ollos lle foron arrincados nas torturas previas á execución. Á dereita da fiestra, o padroeiro da igrexa, Santo Estevo, vesitdo de diácono, é apedrado, sendo un dos executores San Paulo, recoñecíbel polo seu nimbo, denantes de se converter. So, formando parella con Santa Lucía, atópase outra santa mártir. Destaca o fondo de estrelas de tres das escenas, que na cuarta, a do martirio de Santo Estevo, se converten en pedras. Represéntase tamén á Virxe María, quizais pola influencia de Bernaldo de Claraval, que espallou esta advocación polos mosteiros de Europa Occidental e da que foron testemuña singular os do Reino de Galicia. No templo áchanse outras pinturas posteriores, posibelmente do século XVI, con motivos axadrezados e entre as que sobresae, pola súa conservación, unha Inmaculada, arrodeada dun coro de anxos que a sosteñen entre as nubes, situada na parede norte do templo entre o coro alto moderno, erguido sobre unha estrutura metálica e a porta lateral. No testeiro correspondente ao arco triunfal e sobre o vértice deste, intégrase unha celosía claramente prerrománica, que se podería datar no século X e, por tanto, anterior á fábrica principal da actual igrexa. Está composta dun dobre corpo, o superior formado por catro círculos e o inferior con forma de xugo con arcos de ferradura. === Exterior ===…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- Seoane (Atán)a 1.0 kmSegade-Seoane (Atán) · Segade-Seoane (Atán)
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.