Pazo
Pazo de Rioboó
Osmo · Cenlle · Ourense
Foto: Lansbricae · CC BY-SA 2.5 es · Wikimedia Commons ↗
O Pazo de Riobó é un pazo barroco sito no lugar de Riobó, na parroquia de Osmo, no concello de Cenlle. Tamén se coñece como Casa Grande de Riobó e Pazo dos Temes. Foi un dos máis importantes da comarca. Hoxe en día mantense en bo estado, conservado e restaurado polos seus donos.
Historia
Pertenceu a Baltasar Benito de Araujo y Somoza e despois a Andrés Antonio de Prado y Ulloa. No ano 1788 era dono do pazo Bernardino de Prado Ulloa Piñeiro Araujo Osorio y Barba, cóengo da catedral de Santiago, que mandou edificar a capela e a portada do pazo. O padroádego estaba constituído polo Xefe da Casa Grande de Riobó, e os párrocos de Osmo, Navío, Anllo e Gomariz.
Descrición
O conxunto arquitectónico está configurado por un edificio principal de planta rectangular e varias construcións secundarias unidas á principal, incluída a capela, todo el pechado por un muro e fachadas. Ten dous patios inscritos contiguos ao redor dos que se organizan os diversos corpos. Estes patios organízanse en torno a unha serie de funcións. O primeiro era público, dando acceso á capela á cal acudían os colonos das propiedades da casa, o segundo é o de acceso ao edificio principal, creándose a continuación del un subespazo de chegada á cociña. A fachada da vivenda presenta dúas plantas, cun corpo que sobresae no centro e está ocupada na planta principal por unha solaina, na actualidade pechada en parte, con cuberta sostida por columnas de pedra e piares de madeira con zapatas. Toda a planta baixa adícase a adega. Na fachada do pasadizo ábrese un grande arco de medio punto configurando unha especie de soportal. A vivenda consérvase moi ben, cos seus teitos e pisos de madeira de castiñeiro nos salóns principais, a cociña empedrada, con lareira, as cabalerizas na planta baixa co teito abovedado formado por tres grandes arcos de medio punto, que se corresponden no piso alto cun salón empedrado.
O portalón
O magnífico portalón de entrada está formado por un arco de medio punto con grandes doelas. O muro remátase cunha cornixa. Sobre a portada álzase un pavillón, cun corpo central máis alto enmarcado por dúas columniñas corintias apeadas en repisas molduradas que sosteñen un entaboamento e frontón circular partido, decorado con placas e cilindros. Entre as columnas vai un escudo acuartelado timbrado con coroa e lambrequines coas armas dos fundadores en catro particións: Prado, Valcarcel, Ulloa e Osorio. A ámbolos lados sitúanse dúas cartelas nos baixos do pavillón, e todo o conxunto remátase con acroterios de bóla, placa e cilindros, decoración moi influída pola escola barroca santiaguesa de Simón Rodríguez.
A capela
A capela está unida e separado ao mesmo tempo polo corpo de división onde se localiza a sancristía e o paso á tribuna da capela. A planta é rectangular. A fachada principal oriéntase ao norte, enmárcase por pilastras de festón refundido sobre pedestais. Pilastras estriadas sosteñen un entaboamento con acroterios nos extremos sobre o que descansa unha fornela. A porta leva unha moldura acodada e decoración de placas. Remátase a fachada cunha cornixa e unha pequena espadana. O interior distribúese nunha nave separada do presbiterio por un arco de medio punto. A bóveda é de crucería. O retablo data de 1768, obra de Benito de Lemos, mestre escultor, veciño de Cima de Vila segundo deseño feito por Juan Antonio Nogueira, arquitecto de Santiago, e a petición de Joaquín Lorenzo de Prado e Ulloa, presbítero administrador da casa.
Outros artigos
Pazos de Galicia
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Datos
Altitude do punto ≈ 198 m · Terrain Tiles
Vila máis próxima Leiro, a 2,1 km
Camiño de Santiago Camiño Natural dos Arrieiros, a 2,2 km
No concello viven 1.067 (2025) · IGE
Chegar en bus
- RIOBÓa 81 mIES de Ribadavia-Sadurnín · IES de Ribadavia-Sadurnín
- CUBILLEDOa 1,1 kmIES de Ribadavia-Sadurnín · IES de Ribadavia-Sadurnín · CEIP EMILIA PARDO BAZÁN-ESTRADA DE BERÁN · CEIP EMILIA PARDO BAZÁN-ESTRADA DE BERÁN
- SAN CLODIOa 1,1 kmCEIP EMILIA PARDO BAZÁN-ESTRADA DE BERÁN
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.